Miguel Iraburu: “O problema máis importante e difícil é o demográfico, pero non nos apreta o zapato mañá”

“Que no actual goberno houbese un par de ministros con experiencia empresarial, sería magnífico”
Publicado por o día 12/11/2019 na sección de Galicia,Vigo

Miguel Iraburu: “O problema máis importante e difícil é o demográfico, pero non nos apreta o zapato mañá”
En 2030 a media de idade en España será de 50 anos. Estamos ante o problema máis importante e máis difícil de resolver ao que se enfronta a economía española: o demográfico, “pero vémolo lonxe, non afecta á nómina do mes que vén nin ao PIB do próximo ano. É a diferenza entre o urxente e o importante; dá poucos votos e non é un asunto para o cortoplacismo”. Así o asegurou esta mañá Miguel Iraburu, presidente do Comité do Barómetro dos Círculos, quen, acompañado pola presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, presentou ‘A Enquisa dos Círculos 2019’.
 
Baseada en 400 entrevistas recollidas a pasada primavera no seo das formacións integantes do Grupo Economía e Sociedade, cunha gran representación dos socios do Círculo de Empresarios de Galicia, a Enquisa, recolle algunhas das principais preocupacións dos empresarios españois ante a situación económica e política.
 
Desde 2013 non houbo reforma estrutural algunha en España, mentres que “ningunha medida aprobada vía Real Decreto Lei foi en favor da competitividade da empresa española”.
 
Os enquisados valoran tamén negativamente a falta de estabilidade política, polo impacto que ten na economía, “incide sobe a débeda e o déficit, sobre o investimento estranxeiro e sobre o emprego”.
 
Tampouco sae ben parada a xestión das administracións públicas, onde, a xuízo de Iraburu, “hai unha enorme posibilidade de mellorar, pero tamén hai unha gran resistencia ao cambio”.
 
Do mesmo xeito que en barómetros anteriores, os enquisados seguen considerando a educación un elemento fundamental para o futuro do país. “É necesario un pacto de Estado en educación, que é a base do edificio; non se pode entender que Indra teña 800 postos de traballo sen cubrir; é unha educación antiga. E é preocupante que o número de alumnos de STEM caese un 20 %”.
 
Miguel Iraburu avogou por un papel máis activo do empresariado como sociedade civil, para “ir mellorando desde dentro; isto é choiva fina. Se somos moitos, meteremos ruído”. Do mesmo xeito sinalou que “sería magnífico que no actual goberno houbese un par de ministros con experiencia empresarial; non hai nin un; o máis próximo é Borrell”.