Miles de persoas rexeitan os recortes da Xunta na sanidade pública

Á manifestación, convocada pola asociación SOS Sanidade Pública, acudiron médicos, enfermeiras e pacientes, así como representantes de varios sindicatos e partidos políticos da oposición
Publicado por o día 09/02/2020 na sección de Protestas,Sanidad

Miles de persoas rexeitan os recortes da Xunta na sanidade pública

Miles de persoas desfilaron hoxe ao comezo dunha masiva manifestación nas rúas de Santiago de Compostela para denunciar os “recortes” de orzamentos e servizos por parte da Xunta en materia de saúde pública e para reclamar máis recursos. Á manifestación, convocada pola asociación SOS Sanidade Pública, acudiron médicos, enfermeiras e pacientes, así como representantes de varios sindicatos e partidos políticos da oposición, aínda que non do PPdeG, que ten maioría no Parlamento de Galicia e goberna na Xunta. Os manifestantes procedían de diversos puntos de Galicia, entre eles un grupo de Verín, cuxo hospital restableceu o servizo de partos despois dunha mobilización local contra a decisión da Xunta de pechalo en decembro pasado.

A pesar da choiva, os participantes concentráronse nos céntricos xardíns da Alameda da capital galega e percorreron varias rúas da cidade con diversas pancartas e esloganes reivindicativos. O portavoz da plataforma asociativa SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, afirmou a un grupo de xornalistas ao comezo da manifestación que a afluencia de miles de persoas “pese ao mal tempo” mostra o “amplo respaldo” das protestas para “denunciar a situación de gravidade da sanidade pública en Galicia”. Martín indicou que os servizos de atención primaria “sufriron os maiores recortes que houbo nos últimos anos”, e como consecuencia diso, os profesionais “perderon capacidade resolutiva” para os pacientes, que teñen que agardar en ocasións ata “unha semana ou ás veces quince días” para unha cita.
“Se -a Xunta- non cambia de rumbo, imos ter serios problemas que van incrementar a deterioración que xa esta sufrindo os servizos de atención primaria”, advertiu. Tamén denunciou que algúns hospitais comarcais “están a sufrir recortes” e apuntou como exemplo o de Verín, cuxo servizo de atención en partos, pechado en decembro, xerou “discriminación” á vez ás mulleres e ao ámbito rural.

Martín acusou, ademais, ao Sergas, o órgano da Xunta que xestiona os hospitais e centros de saúde pública, de ter “listas de espera opacas” de pacientes que agardan para consultas con especialistas ou para someterse a intervencións cirúrxicas e “que acumulan a miles de persoas”,

O portavoz de SOS Sanidade Pública sinalou que a recente postura da Xunta de reabrir o paritorio do hospital de Verín mostra que “a mobilización popular é importante para conseguir reverter as decisións de recortes da Administración” pública.

Martín indicou que os recortes de servizo públicos e de recursos en materia de saúde pública conleva que os médicos e enfermeiras estean “sometidos a condicións laborais indignas de precariedade laboral, que pon en risco a calidade do sistema” e xera “temor, incerteza e empeoramento” da saúde entre a poboación.

Reprochou ao PPdeG, que goberna na Xunta e dispón de maioría no Parlamento de Galicia, facer políticas “baseadas na falsidade e no engano” e aseverou que “non é razoable dicir á xente que esta funcionando magníficamente o noso sistema cando todo o mundo é consciente das dificultades que temos en acceso a recursos”.

Na manifestación participaron varios líderes sindicais, así como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e dirixentes do BNG, En Marea e outras formacións políticas, que expresaron o seu compromiso de reformar o sistema de saúde pública tras os comicios autonómicos previstos para este ano en caso de lograr acabar coa hexemonía do PPdeG.

Manifesto

A Sanidade Pública Galega segue en perigo e están a saltar todalas alarmas. Hai agora un ano que nos concentramos miles de cidadáns e traballadores sanitarios nesta praza, en defensa do noso Sistema Público de Saúde e contra a aplicación de reforma da Lei  Galega de Saúde (feita polo PP en solitario), pero a Xunta de Feijoo segue facendo ouvidos xordos a este clamor e segue empeñada en transformar o sistema sanitario nunha oportunidade de negocio para as empresas multinacionais e os fondos de investimento  que puxeron os seus ollos na Sanidade Pública Galega que Feijoo esta deteriorando, desmantelando e privatizando.

Como denunciamos reiteradamente, a reforma da Lei Galega de Saúde, estaba dirixida a desmantelar un sistema que garantía un nivel de equidade máis que razoable e o acceso universal á asistencia sanitaria (onde seguimos a ter testimonios de denegación de asistencia) e tendo un custo dos máis baixos da Unión Europea. Aínda que é verdade que a Sanidade Pública precisa reformas, as medidas de cambio non deben copiar modelos privados que demostraron ser máis custosos, inxustos e ineficientes sobre todo en países onde goberna o neoliberalismo.  A universalidade, a equidade, a accesibilidade, e a eficiencia, deben ser os acenos de identidade do noso Sistema Sanitario Público.

E por qué estamos tanta xente aquí hoxe?

1º) A decisión de supeditar a Atención Primaria ás xerencias hospitalarias, contraladas por burócratas ao servizo de Feijoo, e do PP, supuxeron importantes recortes de persoal, orzamentos  e equipamento, nos Centros de Saúde, que perderon calidade e capacidade resolutiva, mentres que a poboación enferma e debe esperar días ou semanas para ser atendida nos mesmos.

A consecuencia lóxica desta deterioración, foi a rebelión do persoal da Atención Primaria (indignado pola situación e a falta de resposta da administración a unhas demandas máis que xustificadas) e o apoio da poboación ás mesmas. A conxestión das urxencias hospitalarias e de atención primaria, a presión irracional sobre as consultas hospitalarias, o crecemento dos seguros privados (que non todo o mundo pode pagar e cuxa calidade é como mínimo cuestionable) e unhas listas de agarda que aínda que maquilladas, non deixan de crecer,  son a consecuencia lóxica  desta situación.

Chegou o momento de poñer no centro do sistema unha Atención Primaria que conte cos equipos de profesionais e dos recursos necesarios para desenvolver as actividades de promoción, prevención, tratamento e rehabilitación, que melloren a saúde da poboación e acaben coa medicalización, e oferte uns servizos accesibles e de calidade.

Hai que ofertar urxentemente as prazas de medicina familiar, pediatría, enfermaria, psicoloxía, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, traballo social, odontoloxía, persoal administrativo, farmacia clínica, que garantan unha Atención Primaria Integral e que responda aos problemas de saúde da poboación galega, en coordinación cos servizos hospitalarios, de saúde mental e de atención á dependencia e a cronicidade. Aplicar de forma efectiva o Programa Integral da Muller.

2º) Suprimíronse Áreas Sanitarias e estanse desmantelando os hospitais comarcais, nos que se siguen pechando servizos e nos que faltan profesionais, situación que está afastando á poboación rural da atención hospitalaria e incrementando a desigualdade, en detrimento das Áreas máis pobres, envellecidas e con problemas de comunicacións e desprazamento. A Sanidade Pública ten que ser cercana e participativa por parte da poboación: na nova Lei Galega de Saúde, suprimíronse os Consellos de Saúde, cauce de participación, que estaba previsto e que nunca aplicou o PP.

O peche do paritorio do Hospital de Verín e da Unidade de Pediatría, é o exemplo palpable desta política. Co subterfuxio de que faltan pediatras e descende o número de nacementos, pretendeuse deixar a miles de mulleres da área rural, sin un servizo que garantizase dar a luz en condicións de seguridade sen ter que desprazarse a quilómetros da súa residencia. Esta decisión, ademáis de discriminatoria para a poboación afastada das grandes cidades, puxo en evidencia unha política  sanitaria que non ten en conta as desigualdades de xénero. E tamén puxo de manifesto, que o pobo cando se une é capaz de vencer o poder.

A mobilización da poboación da área de Verín e de todo Monterrei, en alianza cos traballadores sanitarios, en defensa do seu paritorio e da súa Unidade de Pediatría, e do seu hospital en xeral, con peches, manifestacións,  marchas ao Parlamento, foron capaces de vencer a unha administración que basea a súa xestión sanitaria nos recortes, as privatizacións e o engano (co apoio incondicional da CRTVG que é o voceiro do PP). Apoio total a Defende a Galega. Resulta patético os cambios de argumentos de Nuñez Feijoo ao longo do conflito, para xustificar o peche da sala de partos que mostran falta de solidez e de racionalidade da súa política sanitaria.

3º) Recentemente foron publicadas as listas de agarda dos hospitais do SERGAS, que seguen sen publicar as non estruturais (“ya le llamaremos….”), onde se amontoan miles de enfermos pendentes de consulta, probas diagnosticas e cirurxía. As miles de persoas que teñen a desgraza de ter un problema de saúde ou un parente enfermo, coñecen a realidade que se pretende ocultar. Estas listas serven de xustificación, para enviar (moitas veces contra a súa vontade) a miles de pacientes a hospitais privados concertados, baixo a cínica Lei de Garantías (creada ad oc polo PP en solitario). Feijoo descoñece a Sanidade Real de Galicia.

Esiximos que a Consellería de  Sanidade recupere os recortes de orzamentos, dos últimos anos, poña en pleno funcionamento aos hospitais e acaben coa dedicación publica e privada dunha parte do persoal facultativo (que se beneficia na privada dos atrasos nos centros  públicos).

4º) Os traballadores e traballadoras do Sistema Sanitario Público Galego, soportaron e soportan, serios recortes nos últimos anos, e viron como as súas condicións laborais foron deteriorándose ata acabar nunha contratación que se pode catalogar como lixo. A precariedade laboral, evidénciase na inestabilidade e na ausencia dunha política de persoal  incentivadora. O persoal sofre os malos tratos dunhas xerencias politizadas e irracionais, que xunto á ausencia de perspectivas laborais dignas, obrigaron a miles de traballadores sanitarios a emigrar fora de Galicia. A falta de pediatras, enfermeiras, médicos e outras categorías profesionais, explícase pola ausencia de planificación deste goberno, que impón ao persoal sanitario unhas condicións indignas.

5º) Tamén denunciamos a manipulación da CRTVG no tema sanitario, a saudamos a xente de Defende A Galega, que están connosco aquí hoxe.

Un persoal maltratado, descontento e frustrado ten serios problemas para ofertar unha atención de calidade en todolos eidos do sistema. A pesar disto, a entrega e a profesionalidade do mesmo, están a suplir os problemas asistenciais xerados polos recortes, mala xestión e privatización desta administración do PP. Galicia necesita dunhas autoridades sanitarias capaces de poñer en práctica unha política de persoal incentivadora, baseada na racionalidade e nunhas condicións laborais xustas. Que sepa o PP que o Consello Técnico de AP de Galicia, seguirá operativo…e que seguiremos nel; seremos vixiantes e seguiremos negociando, pero tamén cas mobilizacións. Xa sabemos a resposta que podemos esperar de Feijoo e o seu Goberno, pero esta gran manifestación debe ser o comezo dunha mobilización continuada que conduza a un cambio de goberno,  sen o cal a Sanidade Pública Galega, está condeada á deteriorazón e posterior desaparición.

Ánimo, sempre adiante, todos xuntos, contra a privatización que promove o Partido Popular. 

Comentar noticia

Your email address will not be published.