Milleiros de persoas nas concentracións de Vía Galega para reclamar políticas para frear a emigración

Publicado por o día 15/12/2019 na sección de Galicia,Protestas

Milleiros de persoas nas concentracións de Vía Galega para reclamar políticas para frear a emigración

Vía Galega congregou a milleiros de persoas este sábado en 40 concentracións organizadas de xeito simultáneo en cidades e vilas galegas co lema “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía e traballo digno”.
“Nin emigración, nin caciques nin ladróns”, “Queremos traballar e non emigrar”, “Galiza lentamente vai quedando sen xente” ou “Contra a emigración, autodeterminación” foron algunhas das consignas destes actos reivindicativos.
Con esta campaña, a plataforma Vía Galega pretende reclamar políticas de creación de emprego na Galiza e dar a coñecer as consecuencias negativas que ten a emigración, concibida como un problema estrutural. Segundo datos do IGE, na última década foron 216.000 persoas as que tiveron que emigrar por falta de oportunidades laborais, das que 80.000 eran mozos e mozas.
Ademais  destas  mobilizacións,  esta  campaña  de  concienciación  social inclúe a presentación de mocións nos concellos, reunións cos grupos parlamentarios, difusión mediante carteis, debates e palestras en cidades como A Coruña, Compostela e Ourense.
Vía Galega é unha plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza que agrupa 60 colectivos sociais e culturais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.