O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre as medidas destinadas a evitar que se repitan episodios como os producidos coa vaga de lumes durante o mes de outubro de 2017.
Rivas lembrou que no ano 2006, no período bipartito, tomáronse medidas de profundo calado que o PP suprimiu de maneira “revanchista” ao chegar ao goberno. Para o deputado, “perdimos 9 anos beneficiando a ENCE e permitindo forestacións anacrónicas, caóticas e perigosas”. O mes de outubro de 2017, ademais, mandounos outro recado, “49.000Has en 3 días, 4 mortes, cuantiosas perdas e unha frustración na alma dos galegos” que esixían un lavado de cara e unha posta en escena, que non foi á raíz do problema da estrutura e ordenación do noso territorio e por iso presentaron vostedes “as 30 medidas da vergoña”.
As 30 medidas anunciadas polo Presidente da Xunta, explicou o nacionalista, son insuficientes e un compendio de mentiras, sobre todo no que respecta ás axudas e recuperación do queimado ao que hai que sumar á xestión das franxas de seguridade, secundarias e terciarias que non se xestionaron porque “á Xunta e ó Estado non lles peta”.
Sobre as axudas á prevención, o parlamentario criticou que volverán a seren convocadas en febreiro e resoltas no mes de agosto, período, dixo, de alto risco de incendios. A prevención, polo tanto, “chega tarde” e por desgraza, o caos na ordenación, o cambio climático, as desaforadas políticas de forestación indiscriminada e un desprezo polo sentido común fan que “sigamos estando a mercede do que a meteoroloxía adversa e os esqueiros de catro enaxenados marquen”.
O deputado reclamou a posta en marcha de medidas contra os incendios e unha política “valente ” que acredite en Galiza. “Esa certeza non a marcan os votos, vén marcada pola fe nas potencialidades deste País, terra e pobo, e no aproveitamento sostible e multifuncional do territorio en beneficio de todos, porque todos, e non só uns cantos, conformamos isto que demos en chamar dende hai xa 2.000 anos a Gallaecia”.
Por iso, pola constatación de que non mudou nada e compartindo o temor da sociedade galega a cada atisbo de fume que se albisque no horizonte é polo que lle facemos esta pregunta ao conselleiro, sabendo que hai escasamente un mes que tomou posesión pero sabendo tamén que é continuador de políticas fracasadas co Medio Rural do goberno.
Trala resposta do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, e o portavoz do PP, Moises Blanco que interveu por ir as dúas preguntas acumuladas, o deputado do BNG acusou ao Partido popular de non ter “a decencia” de sentarse a falar para resolver o problema dos incendios. Ninguén do BNG, manifestou Rivas, “fixo fotos cos zapatitos castellanos, camisa branca e unha mangueira ridícula”, nós, polo contrario colaboramos naqueles lugares nos que era preciso e advertiu que de non tomar medidas, “calquera día, ao igual que aconteceu en outubro de 2017 pode repetirse a vaga de lumes.
CHANTAXE NOXENTA AOS MUNICIPIOS
Rivas destacou o traballo dos servizos de extinción e volveu a acusar ao goberno de “maltratar aos traballadores”, tanto no aspecto salarial como de organización, formación e homologación. Vostedes seguen tirando balóns fora e todo o circunscriben á comisión de expertos, “veremos que esta comisión é capaz de facer” e valoraremos as conclusións.
O deputado do BNG cualificou o convenio da Xunta-FEGAMP de “chantaxe asquerosa aos municipios” porque un concello con 240 km cadrados e 2.000 habitantes e sen medios para enfrontarse aos lumes, “colapsa” como aconteceu recentemente no concello de Mondariz, concluíu.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.