Mini: “É surrealista que a Xunta tarde 12 anos en afastar a zona de caza que limita con Novo Mesoiro”

Felicítase pola disposición da Xunta a atender a demanda da veciñanza, pero lamenta que non actúe de oficio ante unha petición que é “de sentido común”
Por o 02/03/2017 | Sección: A Coruña,BNG,Galicia,Política,Vigo
Mini: “É surrealista que a Xunta tarde 12 anos en afastar a zona de caza que limita con Novo Mesoiro”

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas cualificou de “surrealista” que a Xunta precisara máis dunha década para asumir que o barrio coruñés de Novo Mesoiro, con 9.000 residentes, debe ser afastado da zona de caza que limita con esta zona urbana, unha vella demanda da veciñanza e dos propios cazadores.

O deputado ironizou atribuíndo ao “espírito transgresor do carnaval” o feito de que fose necesario doce anos e que o BNG tivese que formular unha interpelación parlamentaria para que o Goberno amose a súa disposición a mover os límites do TECOR, moi anterior á formación do barrio pero que a día de hoxe tamén é utilizado pola veciñanza como lugar de recreo.

Rivas lamentou que a Administración non teña actuado de oficio e que estea á espera de que haxa unha petición formal por parte dunha persoa física ou xurídica cando debería tomar a iniciativa “e indicarlle á asociación de veciños que fixera a solicitude o que demostra que faltaba vontade política para responder a esta demanda dos e das residentes”. O deputado coruñés insotu a actuar canto antes: “Hai que poñerse a iso porque clama ao ceo que en pleno século XXI un barrio de 9.000 habitantes estea nunha zona de caza”.

En todo caso, o deputado nacionalista da a benvida a disposición do Goberno da Xunta a atender a reclamación da veciñanza e afastar os límites do actual TECOR da zona urbana.