Miranda intensifica a campaña de distribución de medicamentos en Venezuela para os estados periféricos da capital a través de xornadas específicas de difusión do programa

O secretario xeral da Emigración acudiu aos centros galegos de Valencia e Maracay para participar nunha sesión especial de apoio á tramitación de receitas para galegos sen recursos
Publicado por o día 30/09/2018 na sección de Xunta de Galicia

Miranda intensifica a campaña de distribución de medicamentos en Venezuela para os estados periféricos da capital a través de xornadas específicas de difusión do programa

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou nas últimas horas en sendas xornadas de intensificación da campaña de distribución de medicamentos en Venezuela, que teñen como obxectivo reforzar a divulgación deste programa do Goberno galego nos Estados periféricos da capital, que, xunto a Caracas, suman unha terceira parte da poboación total galega que reside no país.

As instalacións da Hermandad Gallega de Valencia e do Centro Hispano Maracay acubillaron a dotación humana e material que se mobilizou para realizar esta actividade organizada polo Goberno galego en colaboración coas entidades galegas no país suramericano.

Durante todo o día, un equipo de traballadores centrou a súa actividade na recollida de solicitudes de medicamentos para os galegos nacidos en Galicia e os seus fillos que carezan de recursos para acceder a eles. Persoal administrativo das oficinas de atención social dos centros galegos de ambas as cidades, así como profesionais médicos, prestaron apoio aos interesados en recibir axuda tanto á hora de completar os trámites legais como á de recibir asesoramento en materia sanitaria.

Acreditación necesaria

O obxectivo deste programa da Secretaría Xeral da Emigración é facilitar o acceso aos medicamentos e tratamentos médicos aos cidadáns galegos nativos e aos seus fillos, así como aos seus netos menores de 18 anos que estean ao seu cargo, residentes en Venezuela. Para poder optar a algunha destas receitas os interesados deberán acreditar a necesidade de acceder a medicamentos para o tratamento de enfermidades crónicas ou patoloxías que revistan gravidade e requiran un sistema de distribución en modalidade de monodose, a carencia de medios económicos para acceder á compra de medicamentos e non recibir esta mesma cobertura a través doutra institución pública ou privada.

As persoas que queiran acollerse a este programa asistencial do Goberno galego deberán documentar que reúnen todas estas condicións a través da súa identificación persoal, un historial ou certificado médico coa súa correspondente receita, e documentos bancarios, así como dunha declaración responsable, entre outros.