Miranda recibe no aeroporto de Vigo os case medio cento de beneficiarios de “Reencontros na Casa” procedentes de Venezuela

O secretario xeral da Emigración lembrou aos participantes que “Galicia segue a ser a súa terra, que sempre os recibirá cos brazos abertos”
Publicado por o día 21/06/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Miranda recibe no aeroporto de Vigo os case medio cento de beneficiarios de “Reencontros na Casa” procedentes de Venezuela

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, lembrou esta tarde aos beneficiarios do programa “Reencontros na Casa” procedentes de Venezuela que “Galicia segue a ser a súa terra, e que sempre os recibirá cos brazos abertos”. Daba así a benvida aos case medio cento de participantes que viñan de aterrar no aeroporto de Peinador, en Vigo, onde foron recibidos polas súas familias. Trátase do segundo grupo máis numeroso desta nova convocatoria, só superado polo que aterraba onte desde Bos Aires.

Con elas pasarán os vindeiros 15, 30 ou 45 días, en función da duración que elixiran, para reforzar os seus lazos coa súa terra de orixe e cos seus allegados, aos que en moitos casos non ven desde hai anos, séculos, ou mesmo coñecen por primeira vez. Do mesmo xeito que os galegos de Venezuela, tamén os da Arxentina (53), O Uruguai (15), O Brasil (10) ou Cuba (9) terán oportunidade, grazas a esta iniciativa do Goberno galego, de fortalecer os seus lazos con Galicia e coas súas raíces.

A finalidade de Reencontros na Casa céntrase, de feito, en promover e facilitar o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra e coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.