Miranda reúnese con directivos das principais entidades galegas de Madrid para trazar as liñas de colaboración

O secretario xeral da Emigración visitou o Centro Gallego da capital española para manter un encontro cos novos responsables e cos socios desta institución, que conta con 127 anos de vida
Por o 14/05/2019 | Sección: Xunta de Galicia
Miranda reúnese con directivos das principais entidades galegas de Madrid para trazar as liñas de colaboración
Compartir en:

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo onte unha xuntanza con directivos das principais entidades e asociacións galegas en Madrid para trazar as liñas de colaboración para os vindeiros meses e repasar a situación dunha das colectividades galegas máis relevantes do país. Á reunión convocada polo departamento autonómico asistiron representantes do Centro Gallego Noroeste de Madrid, a Asociación Galega Corredor de Henares, a Xuntanza de Galegos en Alcobendas, a Federación de Asociacións Galegas en Madrid, o Centro Gallego de la Sierra de Madrid, a Casa de Galicia en Alcorcón, o Centro Gallego de Madrid, a Asociación Cultural Xirandela, o Club de Periodistas Gallegos en Madrid, a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (AEGAMA), a Banda de Música e Investigación Albedro, a Asociación Cultural da Vieira, a Agrupación Artística Gallega Rosalía de Castro, o Centro Galego de Móstoles, o Centro Gallego de Tres Cantos e o Centro Cultural Gallego Lembranzas.

Miranda aplaudiu no encontro a traxectoria de unidade e cooperación entre as propias asociacións e centros que veñen demostrando desde hai anos. “A maior exhibición de saúde que pode facer unha colectividade en calquera parte do mundo é a que provén da suma das forzas de todas elas. As agrupacións galegas con sede na capital de España son un exemplo tamén nisto. Logo de décadas de vida, seguen a amosar unha xenerosidade e capacidade de entendemento que non podo máis que loar cada vez que veño a esta terra, destino de tantos centos de milleiros de galegos ao longo da historia”, sinalou o secretario xeral da Emigración.

O encontro tivo lugar na Casa de Galicia de Madrid, onde o delegado da Xunta na capital española e director da entidade, José Ramón Ónega López, deu a benvida aos participantes, aos que asegurou que teñen no céntrico inmoble madrileño “a súa casa e, como delegación da Xunta que somos, poden contar connosco en todo canto estea nas nosas mans“.

Un novo reto para unha entidade de 127 anos

Pouco antes o titular de Emigración visitou o Centro Gallego de Madrid, unha das entidades de referencia da colectividade galega na capital de España, que vén de afrontar unha nova etapa, á fronte da cal está unha directiva liderada pola directiva encabezada por Fernando Rey Paz. Miranda aproveitou a ocasión para manter un encontro cos responsables e os socios desta institución, que celebra o seu 127 aniversario logo de atravesar un período de dificultades, e recoller as súas impresións e experiencias.
A axenda institucional do secretario xeral comezou cunha xuntanza co director xeral da Casa de América, Antonio Pérez-Hernández Torra, na sede do organismo, no céntrico Palacio de Linares, para buscar posibles vías de colaboración entre ambas entidades de cara o futuro próximo.

Preto de 80.000 galegos na comunidade

Na Comunidad de Madrid residen actualmente 78.201 galegos, dos que 26.841 proceden da provincia da Coruña, 15.527 da de Lugo, 15.501 da de Ourense e 20.332 da de Pontevedra. Pola contra, Galicia acubilla 23.293 residentes madrileños, dos que 10.410 fano na provincia da Coruña, 2.920 na de Lugo, 2.209 na de Ourense e 7.754 na de Pontevedra. Estas cifras, publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a data 1 de xaneiro de 2019, poñen de releve a imprescindible e estreita relación que manteñen historicamente ambas comunidades autónomas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.