“Mirar conTACTO”, unha exposición accesible a persoas con déficit visual

Organizada pola Fundación María José Jove e a Obra Social “la Caixa”, o obxectivo é promover a inclusión social das persoas con discapacidade e sensibilizar a poboación en xeral.
Por o 10/02/2017 | Sección: Cultura,Deputación de Pontevedra,Vigo
“Mirar conTACTO”, unha exposición accesible a persoas con déficit visual

A Fundación María José Jove e a Obra Social “la Caixa” traen a Pontevedra a exposición itinerante Mirar conTACTO. Pintura para discapacidad visual”, un proxecto expositivo de ambas as entidades para promover a inclusión social das persoas con déficit visual e sensibilizar a poboación en xeral, ademais de satisfacer a demanda cultural de persoas con déficit visual no campo das artes.

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Xosé Leal, deputado provincial de Cultura e Lingua; Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra; Marc Benhamou, director territorial de CaixaBank en Galicia; e Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove, presentaron esta mañá, no Sexto Edificio, o proxecto itinerante “Mirar conTACTO”, a única mostra permanente de arte accesible de Galicia, que ten a súa sede na Coruña e que agora está percorrendo as catro provincias galegas.

Tras o seu paso por Vilalba, Monforte de Lemos e O Carballiño, “Mirar conTACTO. Pintura para discapacidad visual” poderá verse no Museo de Pontevedra desde hoxe ata o 19 de marzo e vén acompañada dunha completa programación de actividades específicas para tres colectivos: familias, persoas con déficit visual e escolares.

Carmela Silva asegurou que “as dificultades funcionais de calquera tipo non poden ser un impedimento para que as persoas teñan os mesmos dereitos”. Neste sentido, a presidenta da Deputación quixo facer fincapé en que “o acceso á cultura e á arte é o que fai que as sociedades sexan avanzadas. Esta exposición cumpre con ese obxectivo, que ten que ser o de toda a sociedade e unha obriga para as administracións publicas. Hoxe é un gran día para a provincia e por iso agradezo á Obra Social la Caixa e á Fundación María José Jove que promovan actuacións das que a nosa sociedade poida sentirse orgullosa”.

Felipa Jove recordou na súa intervención que “aínda que pareza incrible, en Galicia, ata fai dous anos, unha persoa con déficit visual non tiña oferta cultural estable no campo das artes. Por esta razón desde a Fundación María José quixemos dotar a nosa comunidade dunha exposición permanente de arte accesible, nacendo desta forma “Mirar conTACTO”.

Pola súa parte, Marc Benhamou explicou que un dos obxectivos da Obra Social “la Caixa” consiste en promover a igualdade de oportunidades especialmente entre os colectivos con necesidades especiais. “Apoiamos desde o comezo a posta en marcha desta exposición. E é que vimos que era tan importante dotar as persoas con déficit visual dunha oferta cultural de calidade como sensibilizar a poboación xeral”, engadiu o director de CaixaBank en Galicia.

Contido

A exposición itinerante “Mirar conTACTO. Pintura para discapacidad visual” foi deseñada para ser un evento de participación activa, tanto do público con discapacidade visual coma do público en xeral, simultaneando a experiencia de “ver” as obras co tacto e mediante a realización de actividades didácticas complementarias.

A mostra consta de 6 pezas:  2 esculturas de bronce orixinais (El abrazo (2003), de Juan Genovés, e Dama del sombrero (1972), de Cristino Mallo) e 4 cadros que foron creados especificamente para ser tocados, de maneira que, ademais de ser gozados mediante o sentido da vista, se poden sentir tamén co tacto e o oído, abrindo a porta do mundo da arte a persoas con discapacidade visual.

Para isto, mediante unha novidosa técnica denominada Didú, reproducíronse a tamaño real 4 obras da Colección de Arte Fundación María José Jove: Madonna con rosa mística, de Salvador Dalí,  Vista de pésame, de Darío Regoyos, Queens of London, de Carlos Alcolea, e Interior con Julia, de Ramón Casas. E é que, para conseguir que o proxecto sexa unha experiencia artística completa para os usuarios e usuarias, se seleccionaron obras de arte de estilos e concepcións estéticas diferentes que permiten que as persoas con discapacidade visual poidan coñecer diferentes linguaxes plásticas empregadas na arte durante o último século. A experiencia complétase escoitando simultaneamente a locución dunha audioguía, que vai dirixindo e explicando o percorrido táctil de cada obra.

Vista de pésame (1894. Óleo sobre lenzo. 90 x 120 cm) achega o visitante ao impresionismo español e é unha das obras que acompaña a España negra, o libro resultante da viaxe realizada por Darío de Regoyos por España acompañado do poeta belga Émile Verhaeren.

Pola súa parte, a obra do barcelonés Ramón Casas traslada ao modernismo, e é que Interior con Julia (1924. Óleo sobre lenzo. 81 x 102 cm) amosa a muller de Ramón Casas envolta nun ambiente relaxado e intimista.

Madonna con rosa mística (1963. Óleo sobre lenzo. 71 x 71 cm), de Dalí, leva o visitante ao ideario surrealista do autor, mentres que a arte contemporánea está representada por Queens of London, de Carlos Alcolea (1974. Acrílico sobre lenzo. 120 x 90 cm), unha obra moi representativa da Nueva Generación Madrileña.

As actividades

A exposición, na que haberá sempre un monitor para guiar o percorrido, ten ademais como columna fundamental un completo programa de actividades, que son fundamentais para desenvolver os obxectivos propostos. Hai tres tipos de actividades e materiais diferenciados: para persoas con problemas de visión, para escolares ou para familias.

En total son 20 as actividades deseñadas especificamente para este proxecto: trazo de debuxos en relevo, pinturas aromatizadas, exercicios de tacto, etc.

Itinerancia

Tras o seu paso por Vilalba, Monforte, O Carballiño e Pontevedra, a mostra poderá verse tamén en Betanzos (23 marzo-30 abril).

Colección de Arte Fundación María José Jove

A Colección de Arte Fundación María José Jove está integrada por case 600 obras que abarcan un amplo abano de figuras e movementos artísticos nacionais e internacionais desde o clasicismo romántico do século XIX ata as últimas expresións formais do século XXI. Trátase dunha colección cedida de forma temporal á Fundación María José Jove polo seu titular, Manuel Jove, co obxectivo de achegarlle a arte á sociedade en xeral. A colección reúne unha interesantísima amálgama de estilos, conceptos e lecturas da que actualmente se expón unha selección dunhas 130 obras.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.