Mobilizarase este martes en solidariedade co responsábel de Transportes da FGAMT de Vigo

Carlos Martínez Lamosa irá a xuízo acusado de realizar unha pintada durante o conflito polo convenio de ambulancias
Publicado por o día 14/10/2019 na sección de CIG,Galicia,Sanidad,Sindicatos,Vigo

Mobilizarase este martes en solidariedade co responsábel de Transportes da FGAMT de Vigo

A CIG desenvolverá este martes 15 unha concentración diante dos xulgados de Vigo a partir das 10:30 horas en solidariedade con Carlos Martínez Lamosa, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, que será xulgado por supostamente ter realizado unha pintada durante o conflito polo convenio de ambulancias.

A protesta, que fai parte da campaña contra a represión sindical que a CIG vén de poñer en marcha e que terá o seu epicentro no xuízo ao que se enfronta Xesús Anxo López Pintos, ex secretario comarcal de Ferrol, coincide coa celebración da vista oral no Xulgado de Instrución número 2 de Vigo a partir das 11:45 horas.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García, denuncia que o proceso contra Lamosa prodúcese tempo despois de rematado o conflito laboral e responde á lóxica do sistema de intentar amedrentar a clase traballadora para que non loite polos seus dereitos.

“Non hai que esquecer que levabamos dous anos negociando o convenio, aínda que na práctica non había negociacións, xa que as xuntanzas eran cada tres ou catro meses; entón a CIG comezou a convocar mobilizacións, e nunha delas apareceu unha pintada en Baiona e acusan o compañeiro de facela”.

Represión do capital

Isto foi no mes de febreiro, e en maio asinouse o convenio, “polo que está claro que este tipo de represión á que o capital nos quere acostumar é para amedrentarnos e que non reclamemos os nosos dereitos”. Segundo García, o sector levaba dous anos paralizado sen case negociacións, e curiosamente cando a CIG comeza as mobilizacións “prodúcense avances e resultados positivos para a clase obreira”.

“Isto o capital non o pode consentir, polo que agora veñen con este tipo de cousas, como neste caso intentar condenar a alguén acusándoo de facer unha pintada”.

Finalmente, sinala que tanto Lamosa como Xavier Aboi tamén foron multados por participar nunha concentración en Baiona. “Están a atracarnos por todos lados”, censura.

Comentar noticia

Your email address will not be published.