Mocidade nacionalista entrega no Rectorado da Universidade de Vigo sinaturas ante a vulneración do dereito a educación por parte do PP

Publicado por o día 20/09/2013 na sección de Compromiso por Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Mocidade nacionalista entrega no Rectorado da Universidade de Vigo sinaturas ante a vulneración do dereito a educación por parte do PP

A Mocidade Nacionalista Galega (referente xuvenil de Compromiso por Galicia) fixo hoxe entrega na Reitoría da Universidade de Vigo das sinaturas recollidas durante estas dúas últimas semanas baixo unha campaña de denuncia da vulneración do dereito á educación por parte do Partido Popular. O obxectivo das e dos mozos galeguistas é o de acadar unha ampliación no prazo de anulación da matrícula, de tal xeito que as persoas que teñen solicitada unha bolsa, se esta é denegada, que poida anular a matrícula e as taxas, na data da resolución. Así como solicitar que aquelas persoas que teñan que pagar as taxas derivadas das matrículas, poidan facelo dun xeito máis flexible, de tal maneira que se permita un maior fraccionamento dos pagos, sen que isto supoña a imposición de xuros.

A razón de arrancar o curso político con esta campaña non e outra que a  consideración da organización de que coa reforma imposta polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, non se garanten a igualdade de acceso á educación de todas as persoas xa que moitas mozas e mozos galegos non terán acceso ás bolsas universitarias e non poderán iniciar ou continuar os seus estudos universitarios como até o de agora. A Mocidade Nacionalista Galega sostén que estamos ante unha verdadeira vulneración do dereito á educación recollido no texto constitucional.

Para a Secretaria Xeral da MNG, Balbina Gándara, “O Partido Popular está destruíndo a Universidade Galega, e dificultando o acceso das persoas aos estudos universitarios. Ata o punto que aquelas persoas que, querendo estudar, non teñan concedida unha bolsa, vense obrigadas a pagar a totalidade dunhas taxas moi elevadas, que en moitos casos non é posible. Isto provoca que moitas persoas non se matriculen como medida preventiva”