Moción para que o Concello de Mos informe aos propietarios de bens culturais catalogados e afectados polo camiño de Santiago

Publicado por o día 22/06/2017 na sección de Galicia,GañaMOS,Mos,Política

Moción para que o Concello de Mos informe aos propietarios de bens culturais catalogados e afectados polo camiño de Santiago

GañaMOS di ca entrada en vigor do novo PXOM aumentou considerablemente o número de bens catalogados no Concello de Mos. Esta información non chega aos veciños que moitas veces descoñecen o tipo de ben que posúen e non son conscientes das súas obrigas.

Por esta razón presentamos esta moción, que será debatida no próximo pleno, para que o Concello informe aos propietarios de bens de interese cultural e catalogados, e tratar de evitar danos ou  agresións que non sempre son voluntarias e prodúcense por descoñecemento dos propios veciños.

Esta medida debera aplicarse inmediatamente xa que a propia Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, no referente ás funcións de Inspección, di que ademais de vixiar e controlar o cumprimento da normativa os inspectores teñen que :

(artg. 124,) d) Asesorar e informar sobre o cumprimento das normas de protección do patrimonio cultural e, en particular, informar as persoas titulares ou responsables de bens integrantes do patrimonio cultural sobre as súas obrigas.

EVITAR SANCIÓNS AOS VECIÑOS.

Ademais dos danos, tamén queremos advertir das sancións ás que están expostos os nosos veciños e para evitalas deberían recibir asesoramento das limitacións que teñen á hora de realizar certas tarefas ou intervencións como as talas, movemento de terras, pequenos arranxos en muros, etc,…

O CAMIÑO DE SANTIAGO.

O ámbito do camino de Santiago tamén está afectado por estas limitacións e de nada vale repartir roseiras ás beiras do camino se non se fai nada por preservar outros valores.

Ante esta situación, a información ten que ser o primeiro  que reciban os veciños e por iso propoñemos que o Concello, en colaboración coa consellería de Cultura, cumplan coa obriga de informar e asesorar aos propietarios ou arrendatarios de bens de interese cultural ou catalogados e aos veciños que viven ou teñen propiedades na área de influencia do camiño de Santiago.