Moción do BNG Porriño sobre a solicitude de soterramento da liña de alta tensión no polígono residencial 5 de Torneiros

Publicado por o día 22/04/2016 na sección de BNG,O Porriño,Política

Moción do BNG Porriño sobre a solicitude de soterramento da liña de alta tensión no polígono residencial 5 de Torneiros

Para a inclusión na orde do día do próximo pleno ordinario, e atendendo ao recollido no Regulamento de funcionamento do Pleno actualmente en vigor, o Grupo Municipal do BNG presenta a seguinte moción:

DOTACIÓN DE PARTIDA ORZAMENTARIA PARA O SOTERRAMENTO DA LIÑA DE ALTA TENSIÓN NO POLÍGONO RESIDENCIAL No 5 DE TORNEIROS.

Pola parroquia de Torneiros, máis concretamente entre a igrexa de San Rosendo e as edificacións do polígono residencial no 5 discorre a liña de transporte eléctrico de alta tensión 132 KV Atios- Balaídos. Esta liña non cumpre as distancias mínimas de retranqueo coas edificacións existentes e mesmo pasa por enriba de terreos do colexio CPI de Ribeira. Na procura dunha solución no ano 2008 empezaron as negociacións entre o Concello do Porriño e Unión Fenosa para buscar unha alternativa, mediante cambio de trazado aéreo ou soterramento por dominio público para a eliminación do tramo aéreo que afecta as edificacións. A solución máis viable era o soterramento da liña de alta tensión, que viña a satisfacer unha antiga demanda dos veciños/as de Torneiros.

Esta proposta de soterramento, do tramo aéreo máis próximo as edificacións foi presentada polo goberno do Bloque Nacionalista Galego tanto á Consellería de Industria como a compañía eléctrica U. Fenosa. Logo das negociacións mantidas, no ano 2008, entre o Concello, U. Fenosa e Consellería de Industria, foi recollida nun convenio de colaboración entre a Consellería de Industria e U.Fenosa para financiar o custe relativo á parte eléctrica (2.100.00’00 € aprox.) e onde o Concello debería asumir o custe da obra civil, (zanxa, canalizacións e reposicións) cun importe de 350.000’00 € aprox. A proposta de financiación da obra civil que debería acometer o Concello do Porriño foi sometida ao Pleno da corporación municipal en varias sesións, sendo aprobada definitivamente o día 5 de novembro de 2009. Partida que o goberno do PP, despois de acceder ao goberno no 2010, amortizou e nunca chegou a executar.

Como o Bloque Nacionalista Galego segue considerando que a liña de alta tensión que pasa por Torneiros ten que ser soterrada, presentou emendas aos orzamentos da Xunta en varios exercicios para que o goberno galego incorporase unha partida orzamentaria para o soterramento de dita LAT. Emendas nunca incorporadas polo PP aos orzamentos da Xunta, dando mostra clara da falla de interese e sensibilidade para dar solución a unha demanda xusta dos veciños e veciñas de Torneiros.

Tendo en conta o exposto anteriormente e atendendo a demanda e urxencia que ten para a parroquia de Torneiros o soterramento da Liña de Alta Tensión que pasa a carón das vivendas do polígono V e do CPI Ribeira do Louro é polo que o grupo municipal do Bloque Nacionalista, presenta ante o pleno da corporación a seguinte proposta de acordos:

Primeiro-. Solicitar de Gas Natural -U. Fenosa- a redacción dun novo proxecto de soterramento da L.A.T. O Porriño – Balaídos ao seu paso polo polígono V de Torneiros.

Segundo-. Iniciar as negociación co obxecto de redactar un novo convenio entre o Concello do Porriño, Consellería de Industria e Gas Natural- Unión Fenosa e a posterior sinatura do mesmo.

Terceiro-. Dotar no Orzamento Xeral do 2016 unha partida económica de 300.000 € para acometer a obra civil ligada a obra de soterramento da LAT de Torneiros.

PRENSA BNG O PORRIÑO