Moción do BNG rexeitando grandes superficies comerciais como Porto Cabral

Publicado por o día 11/12/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Redondela,Vigo

Moción do BNG rexeitando grandes superficies comerciais como Porto Cabral

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

No concello de Vigo existe un proxecto de construción dun macrocomplexo comercial e de lecer no monte comunal de Liñeiriños-Cabral, promovido por Eurofund Investiments.

A instalación deste macrocentro comercial suporía un golpe moi duro para o sector do pequeno comercio e de proximidade, coa perda estimada duns 6.000 empregos, un problema que afectará a Vigo pero, especialmente, ao pequeno comercio dos concellos limítrofes, como no caso do concello de Redondela. Un dos sectores da nosa economía local, que máis postos de traballo xenera, vería comprometido o seu futuro.

No BNG coincidimos coa plataforma ne defensa do comercio local, recentemente constituída, en que esta tema é un poblema para todos os concellos da contorna de Vigo xa que afectará, en termos xerais, a uns 20.000 negocios. As grandes áreas comerciais ademais de arrasar co comercio local, contribúen á perda de postos de traballo , fomentando a precarización do emprego no sector comercial.

A xuízo do BNG existen moitas razóns para desbotar un proxecto especulativo como o denominado “Porto Cabral”:

a) Ambientais: posto que a ocupación de aproximadamente 600.000 m2 de monte na parroquia viguesa de Cabral vai ter un forte impacto nun espazo de grande valor social e paisaxístico.

b) Urbanísticas: porque utiliza a planificación urbanística para favorecer a especulación e a desfeita do territorio, no canto de promover unha ordenación racional e a protección dos usos sociais do monte.

c) Económicas: pola destrución do tecido económico local que provocan as grandes superficies comerciais, que ademais levan a maior parte dos seus beneficios para fóra de Galiza.

A Xunta de Galiza, asume competenzas na lexislación que regulariza a instalación deste tipo de grandes superficies no noso País. Polo tanto debería desenvolver un plan sectorial de equipamentos comerciais, co obxecto de ordenar a oferta comercial e defender o comercio local e de proximidade.

Por estes motivos, o Grupo Municipal do BNG de Redondela, solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes ACORDOS

1. Instar á Xunta de Galiza a aprobar unha moratoria de dez anos na concesión de licenzas para grandes áreas comerciais.

2. Instar á Xunta de Galiza a desenvolver un plan sectorial de equipamentos comerciais en Galiza, a xeito de ordenar a oferta comercial e a defensa do comercio de proximidade.