O BNG de Vigo demanda máis vivenda protexida no ámbito do Barrio do Cura

A fronte nacionalista abstívose na aprobación inicial da modificación puntual do PXOU debatida no Pleno de hoxe, condicionando o seu voto na ratificación definitiva a que se atendan as alegacións que van presentar.
Publicado por o día 08/10/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo demanda máis vivenda protexida no ámbito do Barrio do Cura

No debate plenario desta mañá a respeito da proposta de modificación puntual do PXOU do 93 para o ámbito do Barrio do Cura, o Bloque Nacionalista Galega abstívose condicionando a súa posición na aprobación definitiva, após o período de exposición pública, a que se atendan as alegacións que presentarán para mellorar o planeamento.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, expresou o acordo do BNG coa necesidade dunha “intervención pública” nun ámbito que padece desde hai décadas o abandono e unha grave degradación. No entanto, Igrexas cuestionou que o Goberno municipal optase por promover unha modificación puntual cando faltan poucos meses para que se presente o borrador do novo PXOM. “Estamos ante un novo parche ad hoc, con este urbanismo a cachos que practica o PSOE para facilitar unha operación detrás da que hai intereses poderosos”, criticou. Neste sentido, o edil lembrou que durante o período no que estivo en vigor o PXOM anulado, entre 2008 e 2015, “nese ámbito non se moveu unha pedra”, polo que desde o Bloque entenden que non hai motivos reais de interese público que xustifiquen a urxencia dun procedemento “á carta”.


Por outra parte, a fronte nacionalista expresou as súas reservas sobre a modificación puntual toda vez na súa tramitación e avaliación non se tiveron en conta algunhas das alegacións veciñais a respeito tanto de cuestións ambientais como de protección patrimonial. Igrexas fixo mención á deficiente catalogación do arborado e da fauna presente no ámbito e a que se obviase a afectación do acuífero da Barroca. Tamén aludiu á posíbel afectación sobre a declaración de BIC do Casco Vello diante das dúbidas leais da cualificación de “zona de respecto” e á deficiente análise valorativa dalgunhas das edificacións existentes, nomeadamente no referido á súa antigüidade.

Escasa vivenda protexida

O portavoz nacionalista subliñou que o principal atranco para poderen apoiar a modificación puntual é a escaseza de reserva de vivenda protexida. “Vostedes din que é dun 30% no papel, pero na realidade falamos de que só haberá 36 vivendas protexidas dun total de 400. E isto nunha cidade con 4.700 persoas rexistradas como demandantes deste tipo de vivendas”, afirmou. Igrexas criticou tamén a renuncia a utilizar o aproveitamento lucrativo que lle corresponde ao Concello no desenvolvemento deste ámbito urbanístico para elevar precisamente o número de vivendas protexidas.

“O BNG defendemos que o desenvolvemento urbanístico da cidade ten que servir para atender as necesidades sociais da veciñanza, non para legalizar urbanizacións VIP a prezos privativos como a que queren legalizar no Barrio do Cura”, acrecentou.

Réplica a María José Caride

Igrexas tamén quixo replicar a intervención da concelleira María Jose Caride na que pretendeu ridiculizar as consideracións sobre cuestións ambientais, ironizando con que a preocupación do BNG sobre a fauna na zona fose “polas ratas que había antes das demolicións”. “Vemos como o compromiso ambiental do PSOE é de quita e pon. Uns días disfrázanse de ecoloxistas e ao seguinte queren impor os intereses especulativos por acima de todo”, asegurou o concelleiro.

“O que é claro é que as ‘ratas’ que non lle preocupan a Caride nin a Caballero son as de pescozo branco e maletín que ven a cidade só como unha fonte de lucro”, retrucou aludindo os intereses especulativos.

Una respuesta para "O BNG de Vigo demanda máis vivenda protexida no ámbito do Barrio do Cura"

  1. Gamela   08/10/2019 at 21:15

    Por que non temos acceso en streaminng aos Plenos do Concello de Vigo ?
    A transparencia deste concello é alucinantemente OPACA !
    https://sede.vigo.org/expedientes/actas/actas_od.jsp?ano=2019&t=ACTA&id=2

    Igual se os Plenos fosen públicos (realmente) as RATAS estarían menos gordas!

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.