Mondariz acollerá o mércores actividades socioculturais para persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra

O encontro reúne a máis de 60 veciñas e veciños de Mondariz, A Cañiza, Crecente, Covelo e Mondariz-Balneario para traballar nas capacidades cognitivas a través da música
Publicado por o día 09/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Mondariz

Mondariz acollerá o mércores actividades socioculturais para persoas usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra

O Centro Social de Mondariz acolle este próximo mércores, 11 de setembro, ás 17.00 horas unha nova actividade sociocultural dirixida á un grupo de máis de 60 persoas usuarias e acompañantes do servizo de teleasistencia domiciliaria dos concellos de Mondariz, A Cañiza, Crecente, Covelo e Mondariz-Balneario. O obxectivo desta iniciativa, promovida cada ano pola Deputación, é favorecer as capacidades cognitivas das persoas maiores, o contacto social e previr situacións de illamento e soidade a través da música. Tras os obradoiros de memoria postos en marcha en 2018, este ano as actividades centraranse na estimulación mediante a música e o xogo e está prevista a realización de 12 actividades deste tipo entre os meses de marzo e outubro.

Na actualidade, o servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 626 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Trátase dun servizo que permite, a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional, manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, dáselle resposta inmediata ás persoas usuarias, as 24 horas ao día os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia.

O servizo de teleasistencia domiciliaria como fórmula para manter a calidade de vida das persoas maiores, é unha iniciativa importante, especialmente, nas zonas rurais máis illadas, xa que permite ás persoas usuarias estar conectadas permanentemente cos servizos sociais e de saúde. Para os casos de especial vulnerabilidade, o servizo dispón de Unidades de Control Remoto, con detector de movemento, que envía unha alarma no caso de que non detecte movemento da persoa usuaria en doce horas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.