Montero responsabiliza a Feijóo e Caballero de pactar para manter os directivos á fronte da caixa fusionada

Compareceu na Comisión de Investigación da crise financeira no Congreso dos Deputados/as
Por o 14/03/2018 | Sección: CIG,Sindicatos
Montero responsabiliza a Feijóo e Caballero de pactar para manter os directivos á fronte da caixa fusionada

O secretario nacional da federación de Banca da CIG, Clodomiro Montero, comparecía a semana pasada na Comisión de Investigación da crise financeira do Congreso dos Deputados/as para levar a voz das traballadoras e traballadores das entidades financeiras ao hemiciclo. Montero denunciou o proceso de socialización de perdas e privatización dos beneficios e a impunidade da banca que, malia acumular 84.000 millóns de beneficios desde o inicio da crise, non paga o imposto de sociedades e defrauda as horas extraoridinarias.

Clodomiro Montero denunciou a reconversión vivida, lembrándo que “no ano 2005 as Caixas galegas empegaban a 7.273 persoas e deron un beneficio de 326 millóns” e que porén, “no ano 2016 Abanca tivo un beneficio de 333.6 millóns de euros, empregando a 4.032 persoas, un 45% menos”.

Por iso considerou que nese período “vivimos un durísimo e inxusto corralito que afectou á clientela con débeda subordinada, que foi pactado entre o Goberno Español e a Comisión Europea e que restou valor a unha entidade pública, situando ademais aos traballadores e traballadoras como culpables dunha estafa que non cometeron”.

Xunto a isto, asegurou que para chegar á situación actual, segundo o Tribunal de Contas o Estado “meteu 9.159 millóns de euros no rescate, do que habería que descontar as novas axudas a favor do comprador por unha privatizació gravosa de NCG Banco, S.A.”

O secretario nacional de CIG-Banca asegurou que desde a privatización, o novo accionista embolsouse 2.188 millóns de euros, triplicando o actual propietario, Juan Carlos Escotet, a súa fortuna. “Este pode ser o resumo do rescate bancario das antigas Caixas”, dixo Clodo Montero, que espetou “ao meu xefe chegar a rico costoulle o noso”.

Causas da crise

Na exposición inicial da comparecencia, que tivo dúas partes, explicou as causas da crise e o papel da CIG ao longo do proceso. Así lembrou que formaba parte da Asemblea Xeral de Caixa Galicia, e que dende o exercicio do ano 2005, a CIG votara en contra da xestión da Entidade. A este respecto incidiu en que “en 2009, cando emitiu preferentes, estando a empresa xa en quiebra, só a CIG votou en contra desas emisións, advertindo que a axencia Moodys clasificara as mesmas como bonos lixo”.

Centrou as críticas na actuación dolosa dos xestores, nas normativas laxas e nos supervisores. Foi especialmente crítico co Banco de España do que afirmou que “en vez de criticar aos pensionistas debería preocuparse por que non perdan os seus aforros nas crises dos bancos”.

Ademais, Montero foi especialmente crítico coas políticas comerciais da Banca, pasadas e presentes precisamente na Comisión que estuda as medidas de protección da clientela.

Responsabilidade de Abel Caballero e Núñez Feixóo

Con posterioridade os portavoces dos Grupos Políticos presentes na Comisión (PP, PSOE, Unidos Podemos, Ciudadanos, Grupo Vasco e Grupo Catalan) formularon as súas preguntas.

As contestacións centráronse no papel do Banco de España, da CNMV, do Goberno Central, da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, tanto durante a crise e o proceso de fusión.

Neste senso Montero lembrou que “se os Directivos de Caixanova cometeron un delito polo que foron ao cárcere, foi grazas a que o Feijoo e Abel Caballero pactaron que estes señores puideran seguir 3 anos máis á fronte da Caixa fusionada” e afirmou taxativamente que “hai unhas gravísimas responsabilidades políticas que ninguen asumiu”.

Venda de activos das caixas

Na intervención a CIG solicitou que se investigue a venda de activos das Caixas, como o caso de Geriatros, as antigas residencias públicas da terceira idade ou os contratos a dedo a determinadas empresas/consultoras. Punto no que lembrou que o maior ERE de NCG Banco (mentres estaba en mans públicas) foi xustificado cun informe de “Equipo Económico”, empresa fundada por Montoro, ou que as preferentes de Caixa Galicia foran auditadas por PWC, que logo foi a empresa elixida para a arbitraxe das preferentes e na que traballou o propio Luis de Guindos.

Mifid: Prohibición obxetivos comerciais.

Por outra parte, despois da intervención inicial na que a CIG alertou das agresivas politicas comerciais dos bancos, os Grupos se interesaron por coñecer como son, polo que se explicou como funcionan.

Explicouse que o artigo 24 da  Directiva 65/2014, prohibe os obxectivos comerciais, e as retribucións variables vinculadas a aqueles.  Por iso  a CIG demandou que na transposición á lexislación española deberían desenvolver o artigo 24 para poñer coto as agresivas políticas comerciais dos bancos, que os cadros de persoal sofren en primeiro termo e son un risco para a clientela.

Ademais foi moi crítico coa CNMV que, na contestación ás alegacións presentadas pola CIG contra a Guía 4/2017, respondeu que o persoal afectado pola MIFID pode ter obxectivos comerciais. Unha interpretación que considerou “máis que cuestionable da lexislación europea”.

Así mesmo explicouse que os bancos impoñen obxectivos crecentes, desentendéndose do tempo que se tarda en conseguilos, xa que non pagan as horas extras. E demandouse que se modifique a lexislación para que sexa obrigatorio o rexistro de xornada, lembrando a proposta da propia CIG remitida ao Congreso en xuño do 2017.

Dende a CIG Banca agardan que esta comparecencia marque un momento de inflexión, para que se lexisle para frear as agresivas políticas dos bancos.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.