Mos foi hoxe esceario, xunto con outras 10 localidades galegas (Pontevedra, Santiago, A Coruña, Noia, Ponteceso, A Probra do Caramiñal, Lugo, Monforte, Ourense e O Carballiño) e outras 24 do resto da xeografía española, da campaña #AccesibilidadYA da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica, COCEMFE.
O acto tivo lugar ás 11.00 horas da mañá xunto á parada de autobuses de Puxeiros e asistiron ó mesmo representantes de COCEMFE, directivas e membros de ASODIFISI (Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos) de Cogami, de Aceesca; así como a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, e outros membros da Corporación Municipal.
Os obxectivos desta campaña son lograr accesibilidade universal en todos os produtos, contornas, bens e servizos cumprindo coa lexislación vixente, así como unha lei de infraccións e sancións que garanta a accesibilidade, implicación cidadá ante as infraccións e creación dunha estratexia nacional sobre accesibilidade, con medidas concretas e eficaces.
Esta iniciativa surxe pola existencia de barreiras en todos os ámbitos, que vulnera os dereitos das persoas con discapacidade e a súa igualdade de oportunidades. O 4 de decembro de 2017 todos os produtos, bens, contornas e servizos terán que ser accesibles, segundo establece a Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa Inclusión Social, motivo polo cal se decidiu tamén emprender esta campaña. A pesar de levar en vigor dende o 2013, existen moitas entidades, administracións, empresas e prestadores de servizos que non adoitaron as medidas necesarias para cumprir a lei.
Pese a que pouco a pouco se conseguiu unha maior concienciación e compromiso social, aínda queda moito traballo por diante para lograr que os municipios de España sexan o máis accesibles posible para todas as persoas. O avance existe pero aínda é insuficiente, por iso hoxe se celebrou este acto histórico de unión e de forza do movemento asociativo das persoas con discapacidade física e orgánica.
A ninguén lle beneficia a discriminación das persoas con discapacidade e a accesibilidade é un requerimento básico para garantir a igualdade de condicións para levar a cabo un proxecto de vida baseado na toma de decisión sen inxerencias de terceiras persoas. Unha sociedade baseada na accesibilidade universal facilita a participación e normalización e beneficia tanto ás persoas con discapacidade como a todas ás persoas en xeral, que poderán vivir nun mundo máis cómodo, moderno e integrador.
En definitiva, cómpre realizar unha profunda análise da situación e contemplar medidas concretas e eficaces para avanzar cara a un país libre de barreiras para todas as persoas, esixir o cumprimento da lexislación vixente e lograr a implicación cidadá ante as infraccións da mesma.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.