Mos adxudica a obra da edificación deportiva destinada a ximnasio no Campo de Cototorrón

Os preto de 200 xogadores do club Louro Tameiga poderán facer uso esta tempada da nova construción
Publicado por o día 16/08/2019 na sección de Galicia,Mos

Mos adxudica a obra da edificación deportiva destinada a ximnasio no Campo de Cototorrón

A próxima semana quedará adxudicada por parte do Concello de Mos a obra de construción do edificio que se proxecta no Campo de Fútbol de Cototorrón, para que os cativos do Club Louro Tameiga poidan gozar do novo ximnasio durante a presente tempada. A nova edificación pasará a formar parte do complexo deportivo de San Eleuterio, formado por un campo de fútbol de herba artificial, bancadas para espectadores, vestiarios, bar-cantina, etc.

Con esta intervención preténdese seguir completando o programa deportivo dos preto de 200 xogadores e xogadoras de distintas categorías que forman parte do Club Louro Tameiga, dotando ao conxunto dunha edificación destinada a ximnasio. Proponse tamén a construción dunha marquesiña que cubra e protexa o espazo exterior dedicado a eventos, que funciona ao mesmo tempo como recibidor-distribuidor do conxunto de pequenas edificacións que alí se emprazan.

As obras levaranse a cabo no extremo norte do conxunto deportivo de Cototorrón, sumándose ao grupo de edificacións máis recentes alí executadas.

A edificación proxectada componse dun único volume e tipoloxía illada con forma prismática e de planta baixa. A superficie útil do ximnasio será de 79,35 m² e a superficie construida de 91,38 m².

O orzamento ascende a 48.333,45 euros e conta con subvención do Plan Concellos 2019.

Tal e como se describiu anteriormente, a edificación proxectada emprazarase integrándose nun conxunto xa consolidado desde outrora. Para iso, procedeuse ao desmonte do terreo, xerando unha plataforma horizontal que permitise a construción dun campo de fútbol, así como todas as edificacións necesarias nas marxes do mesmo. En parte da devandita plataforma, no extremo máis noroeste, situarase o ximnasio proxectado. O acceso á edificación, realízase directamente desde o vial público, a través dunha das entradas xerais ao recinto, resolta mediante unha rampa.

A estrutura portante da cuberta resólvese mediante alicerces metálicos sobre zapatas illadas de formigón armado. A cuberta será a unha auga, cunha pendente aproximada do 6%. Interiormente a peza remátase nos seus paramentos verticais enfoscando a fábrica de bloques de formigón, con acabado final a base de pintura branca mate. Para o chan prescríbese un pavimento continuo a base de formigón puído. O edificio dispón de instalación eléctrica, instalación de auga fría e quente, instalación de saneamento e instalación de calefacción con combustible líquido (gasoil) a base de radiadores.