Mos aproba en Pleno a reclamación á cidade olívica pola PassVigo

Contou cos votos a favor do equipo de goberno, do BNG e do concelleiro non adscrito Emilio Muíños; mentres que o PSOE se abstivo e GañaMos votou en contra
Publicado por o día 13/04/2018 na sección de Galicia,Mos

Mos aproba en Pleno a reclamación á cidade olívica pola PassVigo

O Concello de Mos aprobou o pasado luns 9 de abril por maioría dos membros do Pleno da Corporación Municipal a reclamación ao Concello de Vigo en relación á tarxeta Pass Vigo. A devandita reclamación foi levada á sesión plenaria ordinaria e aprobada cos votos a favor dos grupos municipais do Partido Popular, BNG, e do concelleiro non adscrito, Emilio Muíños; os votos en contra dos membros de GañaMos e a abstención do PSOE de Mos.

Neste sentido a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, lamenta que “socialistas e GañaMos estean a darlle a espalda aos veciños na problemática da Tarxeta Verde do Vitrasa e a renderlle pleitesía ao alcalde de Vigo votando en contra da reclamación á cidade olívica”. “É moi triste que PSOE e GañaMos lle dean a espalda á veciñanza afectada por esta problemática. Veciñanza mosense que traballa en Vigo, acuden a Vigo ao hospital e a consumir nas áreas comerciais, a facer cidade, en definitiva; e a moitos destes mosenses, coa desaparición da Tarxeta Verde, non lles dá o soldo para viaxar no Vitrasa”, destaca Nidia Arévalo.

A rexedora local insiste novamente en que “a substitución da Tarxeta Verde do Vitrasa pola Pass Vigo trátase dunha medida discriminatoria, insolidaria e antisocial, ademais dun ataque directo ás persoas con menos recursos; e é inconstitucional, ilegal e contraria aos principios esenciais de convivencia. É unha situación de discriminación que non se produce en ninguna outra cidade de toda España e é unha pena que non vaiamos toda a Corporación xunta da man para loitar contra ela”.

Arévalo lamenta que PSOE e GañaMos “se escondan detrás da chaqueta do alcalde de Vigo, que se escondan detrás de Abel Caballero en lugar de dar a cara e defender os dereitos dos habitantes de Mos”. “É lamentable que unha parte da Corporación non estea dacordo en ir ao Xulgado para defender os intereses do pobo de Mos”, insiste a alcaldesa, quen recalcou que “hai que ter un único discurso e ser coherentes independentemente das cores políticas, porque por riba de todo está a bandeira de Mos”. Lamenta que GañaMos e PSOE defendan antes os intereses dos seus respectivos partidos por riba dos intereses do municipio.

O pasado 28 de febreiro celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos unha Xunta de Voceiros na que se decidiu o procedemento municipal a seguir respecto da problemática xerada coa Tarxeta Verde de Vitrasa, que moitos mosenses perden ao pasar Vigo a restrinxir o seu uso aos empadroados na cidade olívica mediante a nova Pass Vigo. Da reunión extraeuse a decisión de presentar un requerimento ao Concello de Vigo, tras o cal iniciarase a vía xudicial emprendendo un procedemento contencioso administrativo. O pasado luns aprobouse en Pleno a reclamación, sendo este o último paso previo á chegada do caso ao xuzgado contencioso administrativo. No requerimento solicítaselle a Vigo que “cese na utilización do criterio de empadroamento como condición para poder desfrutar de tarifa bonificada no servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros ao ser este un criterio manifestamente contrario a dereito que vulnera o principio de igualdade establecido no artigo 14 da Constitución Española” e trátase polo tanto a medida adoitada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, dunha acción anticonstitucional e ilegal a todas luces.

Nidia Arévalo, iniste en que “non pido ningunha bonificación especial para os mosenses, senón únicamente o que lles corresponde por lei e por dereito, para o que, dende o Concello de Mos, enviamos ao Concello de Vigo o pertinente requerimento no que instamos á devandita administración local que respecte a legalidade; non pretendemos, nin esperamos favores de Vigo, tan só que se cumpla o que a lei establece”.

Estas palabras da alcaldesa de Mos veñen refrendadas por un taxante informe da Secretaria Municipal, que certifica que “non é posible por parte do Concello de Mos a subvención das tarifas do transporte aos veciños empadroados no seu término municipal fundada no criterio do empadroamento, por contravir o principio de igualdade constitucionalmente recoñecido, e ademais por non cumprir co obxecto establecido na lei de subvencións. Polos mesmos motivos faise inviable a firma dun convenio de colaboración entre os Concellos de Vigo e Mos, coa finalidade de que o Concello de Mos financie unha bonificación das tarifas por un servizo de transporte do que é titular e presta o Concello de Vigo”.

Rematou Arévalo instando a PSOE e a GañaMos a que se sensibilicen coa veciñanza mosense que traballa na cidade olívica e que “nos está a trasladar a súa desesperación porque terán que multiplicar o importe do que gastan en autobús para acudir aos seus postos de traballo, manifestando moitos deles que non poderán asumir o devandito aumento do importe a pagar cos seus soldos”, explica apelando á humanidade, e ao sentido común destes dous grupos polítiticos da Corporación Municipal.