Mos aproba inicialmente o inventario de camiños en núcleo rural

O documento dixitalizado será unha ferramenta de traballo eficaz para o Concello
Publicado por o día 03/11/2017 na sección de Galicia,Mos

Mos aproba inicialmente o inventario de camiños en núcleo rural

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Patrimonio, Camilo Augusto, informaron hoxe de que foi aprobado inicialmente no pasado Pleno Ordinario da Corporación municipal, celebrado o luns 30 de outubro, o inventario de camiños en núcleo rural do Concello de Mos.

Tras a aprobación inicial en Pleno, o inventario pasará por un proceso de información pública de dous meses na que os interesados poderán realizar as alegacións que estimen necesarias e/ou oportunas.

Dito inventario contempla as vías dos núcleos rurais e mediante a realización do mesmo preténdese, segundo declarou o propio Augusto, “especificar os camiños de titularidade municipal e regularizalos especificando os servizos e condicións de cada un dos viais inventariados e aunalos nun documento dixitalizado que permitirá axilizar a elaboración de informes técnicos municipais e, en consecuencia, as licenzas solicitadas polos veciños; entre outras moitas vantaxes”.

O edil Camilo Augusto asegura que coa contratación deste inventario preténdese “crear unha ferramenta de traballo eficaz para o Concello, que constituía unha demanda importantísima dende fai anos tanto por parte dos técnicos municipais como polos veciños e veciñas de Mos”.

O obxectivo deste documento é identificar, definir e valorar os viais públicos existentes nos núcleos rurais que están delimitados no PXOM, 119 en total. Para elo foi necesario realizar un traballo de campo previo para levar a cabo a imprescindible verificación sobre o terreo das características físicas de todos e cada un dos camiños tales coma lonxitude total, anchura media, existencia ou non de saneamento, abastecemento, alumeado público; e tipo de pavimento. Ademais determináronse mediante instrumental topográfico as coordenadas de inicio e final do camiño, así coma as dos puntos de intersección con outros camiños municipais, provinciais, autonómicos ou estatais. Obtivéronse tamén fotografías dos puntos xeoreferenciados.

Unha vez completado o traballo de campo nun núcleo rural tratáronse informáticamente os datos recollidos para completar unha ficha de cada vial. Ademais dos datos anteriores, a ficha inclúe unha valoración do camiño atendendo ás súas características peculiares, para o que previamente fixouse un valor unitario para cada parroquia dacordo cos arquitectos municipais.

O documento final preséntase composto de cartografía e base de datos. A cartografía cos camiños identificados sobre ela presentarase en formato PDF, imprimible en tamaños A3 ou A4. A base de datos recolle todas as características dos camiños, de tal xeito que poida accederse á ficha de cada un deles tecleando o seu correspondente código, as coordenadas dun dos seus extremos, ou o seu nome común. Esta base de datos permitirá a impresión da ficha que consta da configuración e distribución de información acordada cos técnicos municipais.

O inventario de camiños descrito consta, polo tanto, dunha parte gráfica (planos en PDF) e outra numérica ou dixital (base de datos) relacionadas entre sí.

Unha vez rematado o período de exposición ó público deste documento procederase á contestación razonada das alegacións presentadas, modificando no seu caso os datos que procedan en coordinación cos técnicos municipais. O expediente completo do inventario de camiños será aprobado polo Pleno da Corporación Municipal.

Este inventario ven a complementar o arduo labor municipal, primeiramente de nomeamento e sinalización de tódolos viais municipais e renumeración de tódalas vivendas, seguidos da confección dun rueiro do que carecía o Concello.