Mos aproba en Xunta de Goberno a proposta de adxudicación do Servizo de Punto Limpo

A empresa adxudicataria é Couceiro, a mesma que estaba ata o de agora, que asinará un contrato de dous anos de duración
Publicado por o día 21/02/2018 na sección de Galicia,Mos

Mos aproba en Xunta de Goberno a proposta de adxudicación do Servizo de Punto Limpo

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou de que hoxe aprobouse en Xunta de Goberno Local a proposta de adxudicación do Servizo de Punto Limpo do Concello de Mos á empresa Couceiro, a mesma que estaba a prestar o servizo ata o de agora.

O contrato adxudicouse polo procedemento negociado. O prazo inicial de duración do contrato é de dous anos, a contar dende o día seguinte á formalización do mesmo.

O servizo finánciase con cargo ao orzamento municipal. O prezo total ascende a 62.000 euros máis IVE, ou sexa 31.000 euros máis IVE anuais.

As instalacións do Servizo de Punto Limpo do Concello de Mos atópanse emprazadas no Polígono Empresarial de Veigadaña.

O obxecto do contrato do servizo inclúe a recepción, clasificación, recollida, transporte e asesoramento ao usuario, xestión administrativa, selección, clasificación e tratamento de residuos fraccionados segundo normativa vixente en cada momento. As operacións de xestión de residuos levaranse a cabo sen por en perigo a saúde humana e sen utilizar procedementos nin métodos que poidan danar ao medio ambiente e, en particular, sen crear riscos para a auga, o solo nin para a fauna e a flora. Neste senso deberán axustarse ás prescricións e normativa vixente en materia de Seguridade e Saúde Laboral. Os usuarios do Punto Limpo serán a poboación do Concello de Mos, en ningún caso empresas.

O Punto Limpo deberá permanecer aberto segundo a seguinte distribución semanal durante todo o ano no mesmo horario que o ven facendo ata o de agora e que é o seguinte: martes e xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas e sábados de 10:00 a 14:00 horas (luns, mércores, venres, domingos e festivos permanecerá pechado). Estes horarios deberán atoparse expostos, de forma clara, á entrada do mesmo, e poderán ser modificados en función da experiencia que se vaia obtendo durante a explotación, previa autorización do Concello.

Como mínimo, cando o Punto Limpo estea aberto ao público, existirá unha persoa da empresa, debendo por tanto a mesma dispor de medios suficientes para que o persoal habitual que, por enfermidade, vacacións, etc, cause baixa, sexa substituído por outro debidamente capacitado.

Non obstante, por razóns de servizo ou afeccións que poidan motivar ao entorno, o Concello poderá modificar estes horarios e a distribución semanal, axustándose neste suposto os presupostos económicos aos traballos realmente efectuados.

Educación ambiental

Como empresa adxudicataria, Couceiro deberá presentar no prazo de 20 días a contar dende a data da formalización do contrato unha estratexia de educación ambiental relativa ao uso do Punto Limpo, detallando acción concretas a realizar anualmente, que deberá ser validada polo Concello de Mos.

Ademais levará un control estatístico das diferentes actividades que se efectúen na instalación, rexistrando todos os datos de maior interese, que como mínimo serán: visitas diarias, residuos achegados por visita coa cantidade estimada, vehículo utilizado polas visitas, opinión dos usuarios e incidencias destacables e outros datos que se estimen procedentes polo Concello ou a empresa. Baseado nestes datos estatísticos, ao rematar cada ano da concesión, a empresa facilitará un informe anual completo da xestión do Punto Limpo, achegando as propostas de actuación que poderían mellorar o funcionamento do Punto Limpo e facendo as observacións que se estimen oportunas.