Mos asina o convenio para a realización do IV Campus Fundación Celta de Vigo-Rubén Blanco

A iniciativa deportiva foi presentada esta tarde no Concello de Mos pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, coa presencia do presidente da Unión Deportiva Mos, Pablo Serodio
Publicado por o día 23/05/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

Mos asina o convenio para a realización do IV Campus Fundación Celta de Vigo-Rubén Blanco

Esta tarde levouse a cabo a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Mos e a Fundación Celta de Vigo para a realización do IV Campus Fundación Celta de Vigo-Rubén Blanco. O acto de sinatura celebrouse ás 18.00 horas no salón de sesións do Concello de Mos coa asistencia de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Germán Arteta Torres, director da Fundación Celta de Vigo, e Pablo Serodio, presidente da Unión Deportiva Mos (en cuxo campo se realizará o campus).

O Campus desenvolverase do día 26 ó 30 de xuño no Campo de Fútbol das Baloutas da Unión Deportiva Mos. O horario de desenrolo deste campus de fútbol infantil será de 10.00 horas a 14.00 horas da mañá, cun descanso para comer algo e beber auga para hidratarse.

Ó inicio do campus os rapaces participantes (con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos) recibirán a equipación composta por calcetíns, pantalón e camiseta; así coma, ao remate do mesmo, un diploma acreditativo.

Os interesados en inscribirse poden facelo dende xa presencialmente no Concello de Mos e nas dependencias da Unión Deportiva Mos no Campo de Fútbol das Baloutas, ou ben ‘on line’ na páxina web da Fundación Celta de Vigo, www.fundacioncelta.com

O prazo de inscrición estará aberto ata o 20 de xuño e inicialmente estarán dispoñibles un total de 60 prazas. O prezo do campus para os cativos de Mos será de 50 euros, xa que o Concello subvenciona unha parte, mentres que para os non empadoados será de 130 euros (a non ser que sexan membros da Fundación, caso no cal pagarían 115 euros).

A metodoloxía que utilizan os monitores da Fundación Celta de Vigo neste Campus baséase no traballo de catro áreas fundamentais: coordinación, técnico-táctica, multideporte, e competición. O sistema para impartir a formación ós xogadores é rotativo, de xeito que ó longo da mañá tódolos cativos participantes no Campus vaian pasando polas catro diferentes áreas de traballo.

Esta metodoloxía é a mesma que se emprega nas categorías inferiores do Real Club Celta. Ademais a formación especializada deste campus está impartida por adestradores da canteira do Real Club Celta de Vigo.

Os pequenos mosenses participantes nesta iniciativa recibirán tamén ó longo da semana do Campus charlas sobre os valores no deporte e como inculcarllos ós xoves deportistas, e nutrición e hábitos de alimentación saudables. Trátase pois dunha actividade perfectamente equilibrada entre o lúdico e o formativo sen deixar de lado a educación en valores. E é que mediante a celebración deste campus preténdese empregar a práctica deportiva entre os máis xoves como ferramenta transmisora de valores como son a solidariedade, creatividade, traballo en equipo, sacrificio, superación, respecto, humildade e compañeirismo.

Os obxectivos deste Campus son, segundo explicou Nidia Arévalo, rexedora local mosense, “facilitar ós pais e nais mosenses a concienciación da vida familiar e laboral unha vez iniciadas as vacacións estivais dos máis pequenos, fomentar a práctica do deporte nas idades máis temperás, así coma educar ós cativos participantes en valores e promover hábitos alimenticios saudables e equilibrados”.