Mos autoriza o inicio das obras na antiga nave de Pórtico por parte de Bimba e Lola

O pertinente permiso foi aprobado onte pola tarde en Xunta de Goberno Local
Publicado por o día 05/04/2018 na sección de Galicia,Mos

Mos autoriza o inicio das obras na antiga nave de Pórtico por parte de Bimba e Lola

A Xunta de Goberno Local mosense aprobou onte pola tarde a autorización das obras de acondicionamento e mellora da antiga nave de Pórtico por parte da empresa textil Bimba y Lola. A obra incluirá reforma e adecuación das instalacións existentes en Arrufana.

Unha vez aprobado o permiso en Xunta de Goberno, Bimba y Lola pode comezar de inmediato cos traballos para poñer en marcha a actividade nestas novas dependencias no municipio de Mos. Deste xeito a incipiente firma do sector textil pasa a ampliar a súa presenza no municipio mosense.

A reforma da nave na que Bimba y Lola asentará as súas novas instalacións loxísticas na zona de Arrufana, na parroquia mosense de Louredo, habilitará un silo automático de 5.300 metros cadrados e 20 metros de altura para almacenaxe de produto en caixas, 3 plantas cun total de 19.000 metros cadrados nas que se realizará a subministración diaria a toda a rede de tendas da compañía a nivel mundial, así como á canle online, unha planta semiautomática para almacenaxe de 200.000 pezas colgadas e zonas de servizos comúns e oficinas loxísticas. A integridade da infraestrutura suma unha superficie total de 26.484 metros cadrados.

As devanditas instalacións garanten, segundo informan dende a empresa, unhas boas comunicacións tanto por vía marítima, como aérea e terrestre, e atópanse próximas ás oficinas centrais da compañía, actualmente tamén situadas en Mos, neste caso na parroquia de Tameiga.

Este novo centro de distribución permitirá a integración de todos os procesos de xestión loxística dando resposta ao crecemento da compañía nos próximos anos.

A principios de ano a empresa Bimba y Lola presentou no Concello de Mos un proxecto para a ocupación e reforma das antigas naves de Pórtico S.A. coa intención de manter tamén as súas actuais instalacións na nave de Rosaleiro, sita en Tameiga, xunto á autovía A-55.

As obras de mellora da nave de Pórtico, contando xa a empresa coa autorización pertinente dende onte, comezarán este mesmo mes de marzo e ditas instalacións industriais, ubicadas en Arrufana-Santiaguiño, prevese que comecen a funcionar no prazo dun ano, en marzo de 2019. Nese novo espazo, Bimba y Lola dará traballo a unhas 60 persoas, que poderán chegar a 100 nos picos anuais de maior demanda do textil como son o Nadal e as dúas campañas de rebaixas: de inverno e verán.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declara a este respecto que “unha vez máis demóstrase, con esta ampliación da presencia de Bimba y Lola en Mos, que se está a cumplir o compromiso do goberno local de converter a este Concello no ‘Mos das Persoas’ tan enfocado a obxectivos coma o de diminuír a taxa do paro e fomentar o crecemento empresarial mosense para crear novos postos de traballo”.

Neste sentido a rexedora local mosense explica que “dende o Concello non só tratamos de potenciar o crecemento industrial nos polígonos novos como pode ser o PEMOS Veigadaña, senón de manter con vida instalacións empresarias que quedaron valeiras para que non se volvan obsoletas e continúen a xerar traballo, riqueza e progreso en beneficio dos e das mosenses”. Tal é o caso das antigas instalacións de H.B. Fuller que pasaron a mans da empresa Viguesa de Congelados S.L. ou agora a nave de Pórtico para Bimba y Lola.

Polo tanto o corazón de Bimba y Lola está e continúa crecendo en Mos, xa que se trata dunha empresa que naceu coa súa central na localidade mosense e agora estabilízase e expándese dentro da mesma, ampliado as súas instalacións no termo municipal.

“Esta noticia é importantísima por dous motivos: porque Bimba y Lola segue a crecer dentro de Mos e porque a brecha en cuestión de desemprego que abriu no seu momento o peche de Pórtico no municipio agora verase subsanada logrando ademais que unha gran instalación industrial volva a ter actividade e evitando que se convirta en patrimonio ruinoso”, explica Arévalo, rexedora local mosense.