Mos axuda ós seus deportistas con máis de 33.000 euros

Os principais clubes e deportistas individuais mosenses recibiron onte pola tarde as subvencións do 2018 para apoiar a súa actividade
Por o 31/01/2019 | Sección: Galicia,Mos
Mos axuda ós seus deportistas con máis de 33.000 euros

O Concello de Mos congregou onte pola tarde ás directivas dos principais clubes deportivos do municipio así coma ós deportistas mosenses máis destacados, para facerlles entrega das axudas económicas que anualmente lles outorga a administración local.

En total repartíronse 33.100 euros en 15 subvencións cuxos beneficiarios foron a bailarina Patricia Martínez, a ciclista Susana Alonso, o Club de Patinaxe Artística Rosaleira, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club Tiro con Arco Archers Team, o Club Louro Tameiga, o Club Deportivo Alerta de Sanguiñeda, a Unión Deportiva Mos, Unión Deportiva Mos Feminino, Unión Deportiva Mos Fútbol Sala, a alpinista Verónica Romero, o boxeador Juan Rivera, o Club Natación Mos, o Club Xadrez Mos e a Agrupación de Patinaxe Xiramos.

No acto de entrega estiveron presentes, ademais dos deportistas e entidades deportivas pertinentes, varios representantes municipais entre os que se atopaban a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Facenda, Alberto Méndez, e o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo.

A rexedora local destacou durante a entrega a implicación do Concello de Mos como promotor da práctica deportiva. “O deporte non só fomenta os hábitos de vida saúdables, senón tamén principios educacionais tales coma o traballo en equipo, o esforzo, o afán de superación, a competitividade sá e o compañeirismo entre rivais; valores tan necesarios e importantes na sociedade actual”, dixo Arévalo.

“Estas axudas municipais de apoio ao deporte local entréganse anualmente co obxectivo de continuar a promover a actividade de clubes deportivos, tan importante para o enriquecemento da localidade”, explica a rexedora local, quen tamén apuntou que “no orzamento de 2019 fíxose un novo esforzo por manter a liña de axudas consignadas. Deste xeito foméntanse, entre outros aspectos, as Escolas Deportivas”.

Por último o edil de Deportes, Baldomero Lorenzo, insistiu no apoio do Concello de Mos ó deporte base, “alicerce da actividade deportiva na localidade mosense e futuro da mesma”. “Se temos un deporte base forte, activo e de calidade, o futuro deportivo de Mos será prometedor”, declarou Lorenzo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.