Mos bonifica no pago de impostos e taxas ás empresas que decidan asentarse no municipio

Trátanse de medidas de fomento do emprego e ampliación do tecido industrial respaldadas pola adhesión ao convenio “Doing-Business Galicia”
Publicado por o día 30/10/2017 na sección de Galicia,Mos

Mos bonifica no pago de impostos e taxas ás empresas que decidan asentarse no municipio

O Pleno do Concello de Mos aprobou esta mañá na súa sesión ordinaria do mes de outubro a adhesión ao convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP “Concellos Doing-Business Galicia” para fomentar a implantación e fixación de empresas no termo municipal de Mos.

Segundo informaron a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Facenda, Alberto Méndez, “os obxectivos desta adhesión son impulsar medidas que favorezan e fomenten a implantación e fixación de empresas no territorio mosense e crear incentivos para consolidar a decisión das empresas de implantarse en Mos”.

Ditas medidas, que se adoitarán grazas á adhesión a este convenio, son unha serie de bonificacións nos Imposto de Bens Inmobles, Imposto de actividades económicas, Imposto de instalacións, construcións e obras e as Taxas pola prestación de servicios urbanísticos ou equivalentes e a Taxa pola apertura de establecementos para as empresas que decidan instalarse e abrir as súas portas no Concello de Mos.

No Imposto sobre bens inmobles (IBI), no Imposto sobre actividades económicas (IAE) e no Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) as porcentaxes de bonificación son dun 95% pola creación de máis de 20 postos de traballo, dun 75% pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo e dun 50% pola creación de ata 10 postos de traballo.

Nas Taxas pola prestación de servizos urbanísticos ou equivalentes e pola apertura de establecementos, establécese a non suxeición a dito tributo ós autónomos e empresas que soliciten licenza de obra, de apertura, ou verificación “a posteriori” de comunicación previa para levar a cabo a súa implantación no termo municipal, así como para a ampliación dun establecemento empresarial xa existente sempre que conleve a creación de novos postos de traballo.

Todas as bonificacións manteranse durante tres exercizos orzamentarios, e concederanse a petición do interesado, unha vez que acredite que se cumpren as condicións requeridas para ser beneficiario de ditas bonificacións.

Grazas á adhesión á iniciativa “Doing-Bussines Galicia” o Concello de Mos verase beneficiado das diferentes medidas que vai promover a Xunta de Galicia coa finalidade de alcanzar o obxectivo de favorecer e fomentar a implantación de empresas no territorio mosense. Medidas tales como a discriminación positiva á hora de solicitar subvencións destinadas a investimentos e gastos nos eidos industrial, do emprego e do emprendemento, cando as mesmas sexan convocadas en réxime de concorrencia competitiva; integrar o solo industrial mosense no Observatorio de Solo Empresarial creado pola Xunta de Galicia co fin de centralizar a información relativa á oferta de inmobles empresariais (naves, parcelas, oficinas, viveiros de empresas…), e ofrecer ás empresas e emprendedores unha localización en Galicia para o desenvolvemento da súa actividade; e creación dunha marca territorial, asociada á Oficina Doing Business, como plataforma de colaboración para reducir as cargas administrativas ás empresas e que funcione a modo de xanela única -de xeito que o Concello de Mos adquire a condición de “Concello Doing-Bussines Galicia”, o que suporá un reforzo do posicionamento global deste Concello con respecto aos non integrados nesta marca territorial-.