Mos busca apoio na Presidencia da Xunta para catro importantes proxectos para o municipo

Nidia Arévalo reuniuse hoxe con Núñez-Feijóo e trasladoulle a necesidade de acometer un novo vial perimetral para desviar o tráfico rodado de A Rúa
Publicado por o día 16/02/2018 na sección de Galicia,Mos

Mos busca apoio na Presidencia da Xunta para catro importantes proxectos para o municipo

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para plantexarlle a necesidade de acometida de catro proxectos no municipio mosense durante o presente ano 2018 e buscar para elo posibles vías de financiación autonómica.

Os mencionados proxectos consisten na construción dun vial en Santa Eulalia, núcleo de A Rúa (na parroquia de Mos), na reforma da cuberta do Pavillón Pena de Francia, a rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Petelos para ampliación do Fogar de Maiores e a ampliación e mellora da rede de saneamento integral do municipio nas parroquias de Louredo, Guizán, Torroso e Cela.

O proxecto de construción dun vial en Santa Eulalia, núcleo de A Rúa, ten un orzamento de máis de 500.000 euros e, tal e como lle explicou a rexedora local ao presidente, ten como vontade “a construción dun vial perimetral que permita eliminar o tráfico rodado da rúa empedrada que discorre polo lateral do Pazo, un camiño polo que pasan anualmente centos de peregrinos. O propósito é protexer ó entorno do Pazo, recuperando este vial para un uso peonil, evitando o deterioro da superficie empedrada. O proxecto propón unha alternativa viable, adaptada á topografía da parcela e ás condicións do lugar, que discorrería por terreos cedidos pola Comunidade de Montes en Man Común de Mos”.

A reforma da cuberta do Pavillón Pena de Francia ten un orzamento de 146.424,45 euros e o proxecto inclúe a substitución da cuberta do pavillón para solucionar as humidades na zona de xogo procedentes das escorrentías de augas da zona alta da parcela e as filtracións na cuberta, pranchas movidas e posiblemente rotas, debido ao efecto do vento no interior do recinto. O Pavillón Pena de Francia foi parcialmente derruido polo temporal do pasado ano 2017 (mes de febreiro). Reparáronse as paredes caídas, vestiarios e pista, pero é necesaria a reforma da cuberta.

A rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Petelos para ampliación do Fogar de Maiores contempla un orzamento de 223.259 euros. A edificación a rehabilitar forma parte do conxunto da antiga Casa Reitoral de Petelos (a cal xa conta cunha parte reformada e en funcionamento como Centro de Día xestionado por AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia) e mantén as alineacións estipuladas no planeamento para o rango dos viais que a circundan polo o oeste e o sur. A parcela conta cos servizos urbanísticos de acceso rodado público asfaltado polo sureste, alumeado público, abastecemento de auga mediante rede pública e rede de saneamento municipal.

Sobre este proxecto Arévalo destaca que “o conxunto no que se enmarca o edificio (contorna da Casa do Concello, Igrexa e Cemiterio de San Mamede de Petelos) experimentou recentemente unha importantísima mellora grazas a un proxecto financiado polo Plan Hurbe da consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas (inaugurada en novembro de 2017) e precisaría da acometida deste proxecto para logar a optimización integral da zona, a maiores, por suposto, do elevado valor social do obxectivo da obra: reducir e incluso chegar a eliminar a lista de espera de pacientes que precisan realizar terapias no Centro de Día de Mos xestionado por AFAGA”.

A alcaldesa informou así mesmo a Núñez-Feijóo de que “a parte xa rehabilitada da antiga Casa Reitoral de Petelos suma 298,20 metros cadrados que representan un 42,98% da superficie total do edificio. A parte da antiga Casa Reitoral de Petelos que aínda queda por rehabilitar suma 395,60 metros cadrados que representan un 57,02% da superficie total do edificio, polo que con esta parte en funcionamento a lista de espera reduciríase en moito”.

Por último, a ampliación e mellora da rede de saneamento integral do municipio nas parroquias de Louredo, Guizán, Torroso e Cela ten un orzamento de 716.733,12 euros.