Mos clausura o Obradoiro de Emprego ‘ConciliaMos’

Fíxose no Parque de Arrufana-Santiaguiño, obra dos propios alumnos da especialidade de carpintería
Publicado por o día 31/05/2017 na sección de Galicia,Mos,Pontevedra,Vigo

Mos clausura o Obradoiro de Emprego ‘ConciliaMos’

Esta mañá celebrouse a clausura do Obradoiro de Emprego ‘ConciliaMos’ no Parque de Arrufana-Santiaguiño (Parroquia de Guizán) na que estiveron presentes Ignacio López-Chaves, delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio Rial Santomé, Xefe Territorial en Pontevedra da consellería de Economía, Emprego e Industria, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Óscar Soto, concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías e demais membros do equipo de goberno local.

O novo Parque de Arrufana-Santiaguiño, no que esta mañá se clausurou o Obradoiro de Emprego ‘ConciliaMos’ é obra dos alumnos-traballadores da especialidade de carpintería de dito obradoiro. Con este parque o Concello de Mos amplía o seu número de espazos verdes municipais nos que nos mosenses poden facer actividades e pasar o seu tempo de lecer ao aire libre.

Trátase dun parque deportivo de adestramento dirixido a tódalas idades, dotado de 13 elementos de adestramento para realizar diferentes prácticas deportivas. Ademais destes 13 elementos instaláronse no parque unha pérgola e mesas, bancos e papeleiras; para que ademais de facer exercizo quen queira poida descansar, xogar ás cartas, etc. Deste xeito habilitouse esta zona como espazo de recreo tanto para os usuarios máis activos coma para os que busquen un entorno de relax e descanso.

Ademais o novo parque de Arrufana-Santiaguiño ten o aliciente de que se atopa ubicado xunto ao Camiño de Santiago, ao carón tamén do Miliario do Santiaguiño; unha zona que ademais de ter atractivo natural ten tamén un particular encanto histórico, patrimonial, cultural e turístico.

Todos os elementos cos que se dotou este parque están construídos de madeira e aceiro, co fin de embelecer e integrarse no contorno no que se atopa situado. Ademais neste parque instalouse tamén un dispositivo para tirar os excrementos dos cans que sexan por alí paseados polos seus donos, en aras de facilitar a convivencia entre espazos verdes e animais domésticos e que os segundos poidan gozar dos primeiros sen que estes perdan hixiene nin vexan deteriorado o seu estado de conservación.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, financiou o Obradoiro de Emprego ‘ConciliaMos’, no que se ofreceu formación e traballo a 20 persoas desempregadas do municipio durante 6 meses.

Este programa mixto de formación e emprego centrouse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitaron un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procurou a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realizaron. Ademais, esta formación impulsou tamén o emprendemento xa que os beneficiarios recibiron formación específica que lles permitira iniciar os seus propios proxectos.

A Xunta investiu preto de 180.000 euros para poñer en marcha esta iniciativa na que se formaron a 20 alumnos e alumnas nas especialidades de carpintería (8 persoas) e dinamización educativa no tempo libre (12). Ademais de recibir esta formación tamén percibiron o salario mínimo interprofesional.

O fin do obradoiro foi a formación teórica e práctica nestas especialidades e, concretamente, os alumnos e alumnas de carpintería elaboraron elementos en madeira para diversas instalacións municipais e medioambientais do Concello ademais de levar a cabo a atención e dinamización educativa de menores de 3 anos nas Escolas Infantís Galiña Azul, o desenvolvemento do programa de conciliación en Infantil e Primaria e tamén do programa de atención a necesidades educativas de nenos e nenas e mozas no tempo libre (no caso do alumnado de dinamización educativa no tempo libre).

O persoal que estivo a cargo do curso estivo formado por unha directora, un titor, dous docentes e unha persoa administrativa de apoio.