Mos colabora nun proxecto sobre o valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago

Un grupo de peregrinos universitarios de México, Sudán, Estados Unidos e España fixo onte parada en Mos e participou nun taller para coñecer as tradicións mosenses
Publicado por o día 19/03/2018 na sección de Galicia,Mos

Mos colabora nun proxecto sobre o valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago

O Concello de Mos colaborou esta pasada fin de semana cun proxecto emprendido polo Grupo Compostela de Universidades enmarcado baixo o título “El valor de los derechos humanos en el Camino de Santiago: potenciando el poder del turismo para promover el diálogo intercultural y la consecución de los ODS (Objetivos de Desarrollo Sostenible)”.

No devandito proxecto participan 24 estudantes e profesores universitarios procedentes de México, Sudán, Estados Unidos e España que están a realizar o Camiño de Santiago Portugués e que onte fixeron parada en Mos. Este grupo de universitarios chegou ao Pazo de Mos a primeira hora da tarde, sendo recibido pola concelleira mosense de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e de 17.00 horas a 19.00 horas da tarde o Concello organizoulles un taller de música e artesanía coa colaboración da Fundación Pazo de Mos, a Asociación de Palilleir[email protected] de Mos, do Grupo de Baile e Gaitas Nosa Terra de Pereiras e do Grupo Folclórico Os Penediños de Atios (de O Porriño).

O obxectivo deste taller foi dar a coñecer as tradicións mosenses entre este nutrido grupo de universitarios/as que participan nunha iniciativa tan interesante e construtiva. Por parte dos/as [email protected] de Mos participaron un total de 12 persoas entre os que se atopaban nenos e no caso dos membros dos grupos folclóricos de Nosa Terra e Os Penediños de Atios, lles ensinaron aos peregrinos/as convidados/as os pasos básicos do baile tradicional galego.

A actividade contou tamén coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, que trasladaron nos seus vehículos aos participantes que pernoctaron no Albergue de Santa Ana de Veigadaña, dende o Pazo ao devandito albergue e de regreso esta mañá antes de continuar o Camiño. Os 24 peregrinos universitarios fixeron noite repartidos entre os dous albergues mosenses: o de Santa Baia e o de Veigadaña.

Os peregrinos remataron a xornada de onte cunha cea no Pazo de Mos. 

O proxecto

O Proxecto Internacional “El valor de los derechos humanos en el Camino de Santiago: potenciando el poder del turismo para promover el diálogo intercultural y la consecución de los ODS (Objetivos de Desarrollo Sostenible)” é un proxecto para estudantes universitarios cuxo obxectivo é estudar e analizar o turismo e os dereitos humanos e o seu reflexo no Camiño de Santiago como elementos vitais que configuran a identidade e a cultura mundial, así como a relación entre o turismo, o Camiño de Santiago e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Ademais, o proxecto incorporará a Convención Marco da OMT sobre Ética do Turismo como principio reitor.

O Foro conseguiu o compromiso internacional das universidades participantes de traballar continuamente para a consecución dos ODS e a aplicación de prácticas de turismo sustentable. Trátase dunha plataforma para referenciar o turismo nas rutas culturais, intercambiar boas prácticas, aprender uns doutros e reunir información que poida logo aplicarse a outras rutas culturais de todo o mundo.

En 2017 celebrouse o Ano Internacional do Turismo Sustentable para o Desenvolvemento e o trixésimo aniversario da declaración do Camiño de Santiago por parte do Consello de Europa como o primeiro Itinerario Cultural Europeo. Ademais, en 2018 celébrase o 70º aniversario da Declaración Universal de Dereitos Humanos, o cal ofrece ao proxecto unha ocasión propicia para recoñecer a importancia do turismo sustentable e responsable e dos valores interculturais, así como dos dereitos humanos, e do seu reflexo nunha ruta cultural tan amplamente recoñecida como é o Camiño de Santiago.