Mos conmemorou o Día da Poesía cun obradoiro didáctico nos colexios

Os destinatarios desta iniciativa foron os alumnos e alumnas de 4º de Primaria
Publicado por o día 22/03/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

Mos conmemorou o Día da Poesía cun obradoiro didáctico nos colexios

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación e Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, acompañaron onte aos alumnos e alumnas de 4º curso de Primaria do Colexio de Atín nun obradoiro de poesía organizado pola concellería de Educación.

Dito obradoiro impartiuse durante as xornadas de onte e hoxe nos CEIPs de Atín, Mestre Martínez Alonso en Castro-Mos e Petelos.

Sobre esta iniciativa, a edil responsable da mesma declarou que “dentro da educación, a poesía posúe un papel fundamental, pois axuda a espertar o interese e a motivación no noso alumnado. A través da poesía fomentamos a comunicación, a lingüística, a cultura e as habilidades sociais, sendo todas elas fundamentais para desenvolver e conseguir o desenvolvemento integral de cada alumno e alumna. Polo xeral, na escola ensínase a poesía dunha maneira ríxida, teórica, que non nos deixa profundizar na maxia que é a poesía. Por isto, e conmemorando o Día da Poesía que se celebrou onte 21 de marzo, propuxemos dende o Concello este obradoiro didáctico sobre a poesía formulado dunha maneira práctica e lúdica, mediante a cal os nenos poden coñecer, explorar e crear poesía”.

Os obxectivos da actividade son estimular o amor pola poesía e a creación poética dun xeito lúdico, amosar a poesía e a súa relación con outras disciplinas artísticas, ensinar nocións teóricas básicas como o ritmo e a rima, reflexionar e aprender dos estímulos abstractos, fomentar a imaxinación e fomentar o traballo en grupo.