Mos continúa co seu Plan Anual de Mellora de Camiños cos viais da Fábrica e Sequeiros

A Xunta subvenciona con 45.000 euros a optimización da seguridade viaria ao longo dun quilómetro de estradas municipais nas parroquias de Pereiras e Cela
Publicado por o día 17/10/2017 na sección de Galicia,Mos

A Xunta de Goberno local de Mos aprobará na sesión desta semana a adxudicación da obra de mellora da seguridade viaria no Camiño da Fábrica, parroquia de Pereiras, e no Camiño de Sequeiros, parroquia de Cela; incluídos no Plan Municipal Anual de Mellora de Camiños do presente ano 2017.

Trátase de dúas infraestruras viarias de titularidade municipal que serán optimizadas grazas a unha subvención autonómica, concretamente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da consellería do Medio Rural, que ascende a 44.800,22 euros.

As obras estarán rematadas no prazo dun mes dende o inicio dos traballos e as melloras a acometer consistirán en reforma do firme e pavimento existentes, mellora do sistema de drenaxe e da seguridade vial, así como reforzo de noiros e cunetas.

No Camiño da Fábrica optimizarase a integridade da lonxitude do vial que ascende a 413 metros que transcorren dende a estrada autonómica Porriño-Gondomar PO-331 ata o Camiño das Rozas.

Previamente á reposición do firme, o Camiño da Fábrica requerirá de actuacións previas que inclúen o desbroce lateral, caixeado dos baches e protuberancias, a demolición de pavimentos moi fisurados, a excavación para reparación das protuberancias e baches e o seu posterior recheo.

E pola súa banda, no Camiño de Sequeiros melloraranse dous tramos. O primeiro tramo é o propio vial do Camiño de Sequeiros que ten unha extensión de 497 metros e o segundo tramo, de 37 metros de lonxitude, é un ramal que parte dende o punto quilométrico 450 do Camiño de Sequeiros.

No Camiño de Sequeiros realizaranse, complementariamente ós traballos de mellora do firme, o desbroce lateral e a excavación para o ensanche de caixa; así como a reposición do sistema de drenaxe no punto quilométrico 40 que actualmente está formado por un tubo de formigón en mal estado que ocasiona encharcamentos importantes en épocas de choiva. Dita reposición do sistema de drenaxe require da realización de corte e levantado do pavimento, excavación e retirada do colector en mal estado, colocación de novo tubo de formigón con reforzo e de arquetas e elementos auxiliares.

En total a mellora beneficiará a 947 metros de viais nas parroquias de Pereiras e Cela.

Con ambas actuacións o Concello de Mos continúa co seu compromiso de manter en óptimas condicións as estradas e camiños do Concello en aras de preservar a seguridade de condutores e peóns. Dito compromiso é o que fai que anualmente se asfalten en Mos unha media de entre 6 e 8 camiños municipais.