Mos continúa coa recuperación do seu patrimonio histórico poñendo en valor e sinalizando dous elementos: o petroglifo de Louredo e un antigo poste do tranvía

Ambos recursos patrimoniais forman parte do Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia
Por o 10/05/2017 | Sección: Galicia,Mos,Vigo
Mos continúa coa recuperación do seu patrimonio histórico poñendo en valor e sinalizando dous elementos: o petroglifo de Louredo e un antigo poste do tranvía

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que o Concello de Mos finalizou os labores de recuperación do Petroglifo de Salgueirón en Louredo e dun poste da Catenaria da liña do tranvía Mondariz-O Porriño-Vigo para a posta en valor de ambos recursos patrimoniais mosenses.

As actuacións de posta en valor levadas a cabo inclúen a sinalización mediante a instalación dos dous paneis informativos, un xunto a cada un dos elementos patrimoniais.

Tanto o petroglifo como o poste do tranvía son recursos patrimoniais que forman parte do Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia.

O poste do tranvía

No caso do poste do tranvía acometeuse un proxecto de posta en valor do único poste de catenaria conservado da liña de tranvía que pretendía comunicar a cidade de Vigo co Balneario de Mondariz. Esta liña, cuxa construción foi impulsada polo empresario e médico pontevedrés Enrique Peinador Vela (1847-1917), estivo en funcionamento entre os anos 1920 e 1967, malia que só se chegou a completar o tramo de Vigo a O Porriño.

Hoxe en día permanecen escasos restos materiais como testemuños da existencia deste liña. En efecto, o poste ó que nos referimos é un dos dous exemplares que se conserva da estrutura de soporte da catenaria do tranvía, hoxe totalmente perdida.

Mos é o único concello que conta con 2 postes da antiga liña do tranvía. Ningún outro concello polo que pasou este vehículo eléctrico conserva xa ningún poste, polo que a conservación e sinalización dun dos exemplares que aínda existen é algo a salientar.

Tratábase dun obxecto que ata o de agora estaba descontextualizado, situado na beira dunha vía secundaria que une as estradas N-120 e N-550, sen ningún outro elemento no ámbito máis inmediato que facilitara a súa comprensión ou fixera referencia á súa función orixinal.

O petroglifo de Louredo

O petroglifo do Salgueirón é unha pedra alongada cos ángulos redondeados. Situado na parroquia de Louredo, presenta unha superficie de representación plana. Os motivos que presenta son: coviñas de diversos tamaños, círculos simples e liñas sinxelas. Atópase afectado por un escunchado na parte sur ocasionado por un incendio forestal.

Xacemento situado a 362 metros sobre o nivel do mar, trátase dunha grande pedra

alongada que emerxe case 2 metros do chan na ladeira do Monte do Salgueirón, que lle dá nome. Trátase dun grande batólito granítico que presenta unha superficie gravada plana duns 3 metros por 1 metro. O panel do coñecido como petróglifo do Monte Salgueirón vai ser instalado, posto que tardouse en coñecer o nome popular dos gravados (A Pedra dos Cuncos). Precisamente na pescuda do nome tradicional destes gravados colaboraron a Asociación Festa da Prehistoria, a Comunidade de Montes de Louredo e a Agrupación Cultural A Cividade.

A posta en valor e sinalización de ambos elementos patrimoniais ten un custe de 4.546,46 euros íntegramente subvencionados pola Deputación de Pontevedra.