Mos continúa a obra de humanización das Pozas 200 metros máis

A administración local mosense asumiu tamén os traballos de asfaltado, pintado, formigonado de cunetas e instalación de bancos e xardineiras na obra subvencionada pola Deputación

Cando as obras de humanización e mellora do Camiño das Pozas, na parroquia de Petelos, que comunica a Capela de San Amaro co Multiusos das Pozas, están a piques de rematar, o Concello de Mos informa dos traballos que acometerá a maiores con fondos propios municipais e dos que xa ten realizado para complementar a obra subvencionada pola Deputación de Pontevedra.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso, supervisaron os labores de asfaltado do vial, que é unha das partes da obra asumidas pola administración local. Como tamén o é o formigonado das cunetas e a sinalización horizontal mediante o pintado do firme do vial que se realizará próximamente, as xardineiras que xa están instaladas e os bancos que se instalarán en breve.

Por outra banda, o Concello continuará unha parte a maiores do tramo de humanización ao longo duns 200 metros de lonxitude ata chegar á pista de skate que se atopa detrás do edificio Multiusos. Deste xeito, a administración local acometerá un tramo a maiores de 200 metros de beirarrúas, asfaltado, soterramento de liñas eléctricas, instalación de alumeado público e colocará un novo paso de peóns.

As obras subvencionadas polo Plan de Obras e Servizos do Plan de Concellos da Deputación de 200.000 euros e que xa están prácticamente rematadas consistiron na acometida dunha nova beirarrúa na marxe esquerda da estrada, da que se dotou á zona, que ten un ancho de 2 metros e as novas zonas de aparcadoiro distribuídas en forma de espiña de peixe no tramo final máis próximo ó Multiusos. A humanización dos espazos permitiu o soterramento das redes aéreas do servizo (baixa tensión, telecomunicacións e alumeado público) que interrumpían o trazado dos novos espazos públicos. Ademais plantáronse algunhas árbores nas zonas onde se dispoñía de espazo suficiente. Outra das actuacións secundarias consiste na dotación de sinalización vertical para a mellora da seguridade viaria. Executáronse tamén 3 novos vados de acceso ás parcelas unifamiliares no tramo inicial.

A inversión realizada pola Deputación, en palabras da propia rexedora local, “son fondos que lle correspondían a este Concello, que demandou a acometida destes traballos de importancia capital para esta zona, que era fundamental que fose humanizada pois é unha vía principal da parroquia de Petelos e un dos maiores puntos de aglutinamento de servizos do municipio, tanto educativos (Colexio de Petelos e Instituto), como culturais (centro Multiusos) e deportivos (Pavillón Óscar Pereiro e Piscina Municipal)”.

Para a mellora e humanización do Camiño das Pozas, que une a Capela de San Amaro co edificio Multiusos, foi necesaria a cesión dos terreos da Comunidade de Montes de Petelos na zona de As Pozas ó Concello de Mos para que a administración local puidera acometer as obras de humanización e ampliación de prazas de aparcadoiro previstas para este lugar. Na adquisición dos terreos da Comunidade de Montes o Concello de Mos investiu 25.000 euros.

Este proxecto enmárcase nas iniciativas que o goberno local tiña previsto poñer en marcha na presente lexislatura e que teñen como referencia buscar espazos para o uso das persoas. Estas obras son consideradas por Arévalo, rexedora local mosense, como “traballos de vital importancia  para a seguridade das persoas que transitan por esa zona”.

Nesta zona case non había lugar onde aparcar e era necesario dotar de prazas de aparcamento o contorno dun edificio tan concorrido e que se atopa ubicado nas Pozas, área que concentra moitas outras dependencias públicas como son o Multiusos, o Colexio de Petelos, o IES de Mos, o Pavillón Óscar Pereiro, a Piscina Municipal; así coma os novos parque e pista de skate.

A rexedora local e o edil de Vías e Obras, que é ademais natural da parroquia de Petelos, explicaban hoxe que un dos obxectivos desta obra é a mellora da seguridade vial para os moitos peóns que a diario transitan pola zona; xa que se nese lugar os vehículos se atopan correctamente estacionados os peón terán un espazo delimitado e seguro por onde camiñar. Xa que este lugar reúne a multitude de veciños e veciñas de tódalas idades, pero sobre todo maiores. “Os servizos para a cidadanía son e serán para nós a prioridade nesta zona e en toda a localidade”, declararon xa para concluír os representantes municipais.

Noticias de última hora en Vigo

Camiño das PozasCapela de San AmaroConcello de MosDeputación de PontevedrahumanizaciónsLuis AlonsoMultiusos das PozasNidia ArébaloParroquia de PetelosVias e Obras

SIGUENOS EN TELEGRAM