Mos contrata a renovación de cadros eléctricos dentro dun plan integral que fora iniciado a principios do presente 2017

Trátase dunha acción municipal a dous anos coa que se renovarán o 90% dos cadros
Publicado por o día 31/07/2017 na sección de Galicia,Mos

Mos contrata a renovación de cadros eléctricos dentro dun plan integral que fora iniciado a principios do presente 2017

O Concello de Mos comezou a principios de ano a renovación dos seus cadros eléctricos co obxectivo de evitar apagóns e contrinuír notablemente ao aforro enerxético municipal. Trátase dun plan de renovación integral a dous anos, tempo durante o que se cambiarán o 90% dos cadros eléctricos que serán substituídos por outros novos dotados de proteccións térmicas e reloxos astronómicos que favorecen a eficiencia e aforro enerxéticos.

A primeira fase deste plan integral acometeuse xa o pasado mes de febreiro co cambio dalgúns dos cadros antigos, como foi o caso do que se atopa nas Pozas xunto ó edificio do Multiusos.

Agora, segundo hoxe anunciaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Alumeado, Luis Alonso, aprobouse a proposta de adxudicación do expediente de contratación do subministro e instalación de novos cadros eléctricos para o alumeado público en varios lugares do Concello, que foi levado á Xunta de Goberno Local celebrada esta mesma mañá.

O importe total, IVE incluído, polo que se adxudicará a contratación, ascende a 32.851,5 euros. Unha vez asinado o contrato, os cadros eléctricos deberán estar instalados dentro do prazo de dous meses.

O total de cadros que inclúe este contrato ascende a 10 unidades que, sumadas ás instaladas a principios deste ano, representan os 15 cadros que precisaban dunha renovación máis urxente. O vindeiro ano 2018 renovaranse os 15 cadros eléctricos restantes, completando así o total de 30 cadros eléctricos contemplados dentro deste proxecto integral a dous anos.

Os novos cadros están, como non podía ser doutro xeito, adaptados á normativa vixente e, tal e como explicou o edil mosense de Alumeado, Luis Alonso, “suporán unha importante mellora da instalación da iluminación pública optimizando o funcionamento do mesmo e evitando problemas como os apagóns, ao estar máis protexidos e dotados dunha tecnoloxía máis moderna e avanzada”.

Estes dez novos cadros eléctricos instalaranse nas parroquias mosenses de Petelos, Mos, Cela, Sanguiñeda, Pereiras, Tameiga e Louredo. E o seu subministro e instalación serán subvencionados pola Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2017.

O Concello de Mos conta cun alumeado público de titularidade municipal ao longo de toda a súa extensión composto de aproximadamente 5.214 luminarias controladas dende os centros de mando ou cadros eléctricos, entre os que existen diversos tipos, dependendo do sistema de instalación que se controla así como da zona á que están destinados.