Mos dálle a benvida a José Leirós, que será nomeado Fillo Predilecto o vindeiro domingo

A imposición do galardón realizarase durante o acto de Entrega de Medallas ao Mérito do Concello
Publicado por o día 20/06/2017 na sección de Galicia,Mos

Mos dálle a benvida a José Leirós, que será nomeado Fillo Predilecto o vindeiro domingo

Esta tarde celebrouse a recepción a José Leirós, recén chegado dende Arxentina, que será nomeado Fillo Predilecto de Mos nun acto que se celebrará o vindeiro domingo 25 de xuño ás 20.30 horas no Centro Dotacional de Torroso dentro do programa das Festas da Rosa 2017. No acto realizarase tamén a Entrega de Medallas ao Mérito do Concello de Mos: Social, Cultural, Deportivo e Empresarial.

A benvida a Leirós, que chegou a Mos onte pola tarde de Bos Aires xunto coa súa esposa, realizouse no Salón de Sesións do Concello de Mos coa presencia da alcaldesa, Nidia Arévalo, e demais membros da Corporación Municipal. A rexedora local mosense destacou o gran labor de Pereira na emigración e o apoio a tantos emigrantes que, despois ca el, chegaron a un pais descoñecido e moitas veces adverso, “parte da miña familia é emigrante e sei da dureza desa situación e da importancia da existencia de persoas como Leirós, ás que cómpre recoñecerlles a súa entrega altruista e desinteresada”, declarou Arévalo.

O Pleno do Concello de Mos aprobou por maioría dos seus membros en sesión ordinaria do 24 de abril o nomeamento de Fillo Predilecto a José Leirós Pereira, ex presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires.

A proposta de nomeamento realizouse dende a administración local mosense considerando o  Regulamento de Protocolo e Distincións do Concello de Mos e de conformidade co establecido no artigo 21 do mesmo.

José Leirós Pereira, naceu no Concello de Mos, tivo que emigrar moi cedo, escapando da fame e da desesperanza, cando soamente tiña 16 anos, e sufrir en primeira persoa o fenómeno da emigración, a dureza de quen chega a un país que, aínda que provocaba esperanza, tamén producía moitísima tristeza e desazón. 

José Leirós emigrou a 12.000 kilómetros de distancia pero o seu corazón e a súa alma permaneceron ao carón dos seus veciños e veciñas mosenses, de xeito que plasmou todo ese sentimento formando parte da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires dende os anos 50, primeiro como socio, logo como vogal e finalmente como presidente.

José Leirós é moito máis que un veciño de Mos que emigrou á Arxentina. El representa o esforzo dos mosenses na emigración realizado para manter vivas as raíces e tradicións dos seus ancestros. Xamais esqueceu a súa terra e dende a Arxentina sempre tivo relación con Mos. Mostra do seu apego a este Concello foi o seu labor como vogal e despois como presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos aires.

Os 17 anos de presidente, desde 1998 ata 2015, caracterizáronse polo seu arduo traballo e pola intensa actividade da Asociación, dedicando gran parte da súa vida a esta entidade da que foi imaxe e insigne voceiro; tempo no que logrou consolidar a estrutura da Asociación e fortalecer nela o sentimento cara á cultura galega, sempre representada polas súas Escolas de Baile, Gaita e Canto Tradicional Galego. Un aspecto a destacar é o seu interese e esforzo para que a xuventude participara na Asociación e se convertera no seu motor e poder así manter vivas as súas raíces mosenses.

Coa súa longa e intensa actividade na Asociación, Leirós contribuiu enormemente a manter intactos e perfectamente conservados os costumes culturais que foron herdados de xeración en xeración, xa que moitos dos membros da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires son xa fillos e netos de emigrantes mosenses en Arxentina. Neste sentido hai que ter en conta a antigüidade desta asociación, que se fundou nin máis nin menos que en 1918.

Ademais traballou de forma voluntaria en distintas institucións galegas en Arxentina, como un xeito de sobrelevar a súa morriña.

Conseguiu volver por primeira vez a visitar Mos trinta e dous anos despois de abandoalo;  e, como lle pasa a moitos emigrantes, sentiuse  divido entre dúas terras: estando en Arxentina tiña nostalxia de Galicia e agora cando ven a Galicia ten nostalxia de Arxentina.

 

José Leirós non perdeu nunca esa morriña que o fai estar tan preto do seu municipio natal a pesar da distancia e inculcarlle tamén esa saudade de Mos a todos e cada un dos socios cos que convive e aos que presidiu e representou durante tantos anos. Ademais non esqueceu nunca as súas orixes e exerceu de perfecto embaixador da súa localidade.

Por todo isto o Concello de Mos decidiu nomear, a don José Leirós Pereira, Fillo Predilecto de Mos, pola súa traxectoria ao longo dos 17 anos como presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires e, en definitiva, en recoñecemento na súa persoa  como imaxe e reflexo da xente, dos centos de persoas  deste Concello que deixaron a súa terra nai na procura dun futuro máis próspero para eles mesmos pero tamén  para os seus descendentes, e familiares que quedaron en Mos, como é exemplo o legado ós veciños de Mos da Escola de Cototorrón, impagable doazón en prol da súa educación e loita contra o analfabetismo dos mosenses de aqueles tempos, e que hoxe alberga unha Escola Infantil.