Mos e Redondela constitúen unha comisión de deslinde

Esta mañá reuniuse por primeira vez xunto ao miliario de Santiaguiño
Por o 03/12/2018 | Sección: Galicia,Mos,Redondela
Mos e Redondela constitúen unha comisión de deslinde

Hoxe ás 13.00 horas celebrouse no miliario de Santiaguiño, en pleno Camiño Portugués a Santiago de Compostela, a Comisión Intermunicipal de Deslinde entre Mos e Redondela á que asistiron os alcaldes de ambos Concellos, a mosense Nidia Arévalo e o redondelán Javier Bas, xunto con tres edís das Corporacións Municipais (no caso de Mos o concelleiro do goberno Camilo Augusto, Silvia González do PSOE, e Miguel Ángel Rodríguez de GañaMos), secretarios e técnicos municipais de ambas administracións locais; e dous dos veciños/as de maior idade das zonas implicadas, tanto do municipio de Mos coma do de Redondela.

O obxectivo desta comisión de deslinde é dirimir e aclarar os lindes exactos entre Redondela e Mos na zona de Arrufana, aspecto histórico que se facía preciso delimitar.

O seguinte paso a dar a continuación é a redacción da acta da primeira sesión de comisión de deslinde hoxe celebrada, seguida da contratación dun estudo topográfico, que determine onde se atopan exactamente os supostos fitos, mollóns ou marcos, que continúan dende o do miliario do Santiaguiño hoxe visitado, e que mida a liña exacta de deslinde na zona.

Unha vez realizado ese estudo topográfico ambas partes analizarán as medicións resultantes do mesmo, así como a documentación existente a este respecto, tanto do Instituto Xeográfico Nacional como do Catastro; para seguidamente poder volver a reunirse en comisión de deslinde e tomar unha decisión.

Se as partes chegan a un acordo redactarase unha acta de deslinde conxunta que sería elaborada conxuntamente entre o secretario municipal de Redondela e a secretaria de Mos. Unha vez redactada, procederíase á sinatura da acta, seguida da aprobación en Pleno por parte de ambas Corporacións Municipais; e o deslinde xa pasaría a ser oficial a tódolos efectos unha vez comunicado á administración autonómica e ó Instituto Xeográfico Nacional.

En caso contrario, cada Concello redactaría a súa propia acta e lla comunicaría á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta para que o Instituto Xeográfico Nacional poida informar ao respecto.

O encontro desta mañá caracterizouse pola boa sintonía entre os alcaldes Bas e Arévalo en aras de solucionar unha problemática histórica. Co acordo da Comisión Intermunicipal de Deslinde, quedarán delimitados os límites reais entre ambos Concellos para tranquilidade dos veciños e veciñas tanto mosenses como redondeláns.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.