Mos entrega as súas Medallas ao Mérito e nomea a José Leirós Fillo Predilecto

O acto celebrouse onte no Centro Dotacional de Torroso e foi presidido pola presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor
Publicado por o día 27/06/2017 na sección de Galicia,Mos

Mos entrega as súas Medallas ao Mérito e nomea a José Leirós Fillo Predilecto

Onte pola tarde celebrouse no auditorio do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso o acto de entrega de Medallas ao Mérito do Concello de Mos que contou tamén co Nomeamento de Fillo Predilecto de Mos a D. José Leirós Pereira.

No acto estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, os homenaxeados, os membros da Corporación Municipal, Ana Pastor, Presidenta do Congreso dos Deputados, Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira do Medio Rural, o Subdirector Xeral de Emigración, José Carlos García Bouzas e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves.

A Gala de Entrega de Medallas ao Mérito do Concello de Mos celebrouse novamente este ano con motivo das Festas da Rosa erealizouse, como xa se dixo, conxuntamente co acto de nomeamento de Fillo Predilecto de Mos a José Leirós, ex presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires.

A Medalla ao Mérito Empresarial foi para Casa Gallardo, o negocio de hostelería máis antigo de Mos, e foi recollida por Manuel Rodríguez Campos e Waldo Rodríguez Campo. A Medalla ao Mérito Deportivo foi para Susana Alonso Carballo, a ciclista mosense campioa de España de BTT Maratón, e recollida pola súa irmá, Silvia Alonso Carballo, ó atoparse a galardoada competindo en Alemaña. A Medalla ao Mérito Social outorgóuselle á Comunidade de Montes de Mos e recolleuna o seu presidente Manuel Barciela Martínez e a Medalla ao Mérito Cultural para a Comunidade de Montes de Torroso encargouse tamén de recollela o seu presidente, Camilo Grandal Pérez.

As comunidades de montes son colectivos de gran relevancia no Concello de Mos e que fan unha grande labor en favor das súas respectivas parroquias, no caso da de Torroso sobre todo no eido cultural coa construción do Centro Dotacional e o apoio á Escola Municipal de Música e á Banda de Música Xuvenil de Torroso; e no caso da de Mos no eido social.

No caso do Fillo Predilecto, o Concello de Mos decidiu nomear, a don José Leirós Pereira con esta distinción pola súa traxectoria ao longo dos 17 anos como presidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires e, en definitiva, en recoñecemento na súa persoa  como imaxe e reflexo da xente, dos centos de persoas  deste Concello que deixaron a súa terra nai na procura dun futuro máis próspero para eles mesmos pero tamén  para os seus descendentes, e familiares que quedaron en Mos, como é exemplo o legado ós veciños de Mos da Escola de Cototorrón, impagable doazón en prol da súa educación e loita contra o analfabetismo dos mosenses daqueles tempos, e que hoxe alberga unha Escola Infantil.

Arévalo declarou no seu discurso de onte a este respecto que “os galardoados esta vez son moi especiais para min como alcaldesa e considero que para todos os mosenses en xeral o son tamén, polo que considero que se tratan dunhas mecións moi aplaudidas polo pobo de Mos”.

Galería fotográfica