Mos homenaxea á segunda mellor florista de España, que é mosense

Noelia Sías é veciña da parroquia de Mos e traballa en Floristería Lola
Publicado por o día 11/11/2019 na sección de Galicia,Mos

Mos homenaxea á segunda mellor florista de España, que é mosense

Esta mañá celebrouse no Concello de Mos a recepción á florista mosense Noelia Sías, Subcampiona de España 2019 no Concurso ‘MAF’ (Mejor Artesano Florista), na que, ademais da homenaxeada, estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, Camilo Augusto, tenente alcalde de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo, e demais membros da Corporación Municipal.

Sías acudiu acompañada do seu xefe e propietario de Floristería Lola, Juan Lago Álvarez. A florista mosense destacou da súa empresa “as facilidades e colaboración que sempre me dan para que poida formarme, facer cursos novos, participar en competicións como esta… é algo moi de agradecer e que non é frecuente en todas as empresas”. Floristería Lola leva máis de 35 anos en activo en Mos e, tal e como declaraba esta mañá a rexedora local mosense, “é un referente en toda a provincia de Pontevedra, do que nos sentimos enormemente orgullosos”.

Xunto coa mosense Noelia Sías Villaverde, competiron na V Edición do Concurso ‘MAF’ (Mejor Artesano Florista) máis de 20 profesionais do sector de toda España, dos que tan só chegaron á final un total de 5 clasificados.

O concurso durou 4 días e Noelia, que tivo que preparar 10 traballos, foi a única representante galega na final.

Arévalo e os demais representantes municipais expresábanlle durante a recepción a Sías que “é un orgullo para Mos, sendo ademais o Concello da rosa, contar entre a nosa veciñanza coa segunda mellor artesá florista de España”. A alcaldesa felicitouna e animouna a seguir levando o nome da localidade mosense ao máis alto do mundo da flor.

Sías, que é veciña da parroquia de Mos, leva 20 anos vinculada ao mundo da floristería. Actualmente, e dende fai case 13 anos, traballa en Floristería Lola, tamén de Mos, e formouse nalgunhas das mellores escolas nacionais do sector florista.

Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a nivel nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaría ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.

A quinta edición deste concurso nacional de arte floral no que Noelia Sías obtivo a medalla de prata celebrouse na cidade de León. O gañador foi o canario Antonio Jesús Vázquez, de Lanzarote.

O xurado deste concurso avalía en cada unha das probas aspectos como a técnica, a limpeza, a rapidez, a cor, o estilo actual, a dificultade de elaboración, a actitude dos floristas ou o compañeirismo. Dúas das probas son en grupo e os participantes teñen un tempo máximo especificado para completar cada unha delas.

Na última xornada do concurso, os cinco finalistas tiveron que reproducir, de memoria, un traballo floral que viran previamente representado nun cadro e unha das actuacións mellor valoradas polo xurado foi a de Noelia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.