Mos homenaxea aos seus deportistas Soledad Castro e Juan Rivera

A atleta e o boxeador erixíronse Campiona do Mundo de Media Maratón e Campión Galego de Full Contact, respectivamente
Por o 07/04/2017 | Sección: Deportes,Galicia,Mos,Vigo
Mos homenaxea aos seus deportistas Soledad Castro e Juan Rivera
Compartir en:

A veteranía e a xuventude no deporte déronse a man esta tarde en Mos durante o acto de recepción que o Concello lles rendeu á atleta Soledad Castro e ao boxeador Juan Rivera.

A primeira leva toda a vida correndo e segue a traer medallas para a casa, e o segundo, pese a súa xuventude (21 anos), xa é dúas veces Campión de Galicia.

Soledad Castro Soliño ven de proclamarse, o pasado 25 de marzo, Campiona do Mundo de Media Maratón W-50, e o fixo na cidade coreana de Daegu, onde se disputaron dende o 14 de marzo os Mundiais para Veteranos nos que a mosense impúxose na súa categoría: atletas de entre 50 e 55 anos de idade.

Castro realizou a proba, de 21.195 metros de lonxitude, en 1:27.29. Aos seus 51 anos foi a mellor entre máis dunha vintena de rivais. O ouro da mosense, que corre no equipo Comesaña Sporting Club, é todo un orgullo para o seu pobo, e así llo demostraron esta tarde a alcaldesa do municipio, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Deportes, Alberto Méndez; e os demais integrantes da Corporación presentes neste acto, adicado tamén ao xove boxeador Juan Rivera Gómez.

Juan Rivera Gómez ganou en 2016 o Campionato Galego de Kick Boxing e, nesta ocasión, ven de proclamarse Campión Galego de Full Contact (Clase A) 2017. Fíxoo o pasado 18 de marzo no Pavillón dos Remedios de Ourense, onde pelexou a final directa.

Tras esta victoria, Rivera pasa a formar parte da Selección Galega, coa que viaxará os vindeiros 17 e 18 de xuño a Castela a Mancha para participar no Campionato de España, tras o que chegarán, se todo vai ben, o Campionato de Europa e o Mundial.

Juan Rivera adestra co seu equipo, o Club Kick Boxing Mos, no Pavillón Óscar Pereiro tódolos luns e mércores de 20.00 horas a 21.00 horas. A onde se poden dirixir todas as persoas interesadas nestes deportes de contacto que desexen practicalos e unirse ao Club.

Nidia Arévalo e Alberto Méndez destacaron o mérito de Soledad Castro e o seu afán de superación e capacidade de sacrificio, así como o feito de ser unha veciña tan querida na súa parroquia, Dornelas. E salientaron “a valía dun mozo tan novo como é Juan Rivera, que ven de acadar un logro tan importante nunha disciplina deportiva na que a competencia é tan dura”. Así mesmo animárono a continuar nesta liña de esforzo e superación, manifestándolle todo o apoio da administración local mosense, e insistiron “no altísimo nivel que están acadando os deportistas mosenses en modalidades tan variadas coma o fútbol, atletismo, ciclismo, baile deportivo, Kick Boxing, agora Full Contact etc., logrando títulos de enorme relevancia a nivel autonómico, nacional e incluso internacional”.

Fotos do acto