Mos incrementou en 2017 un 14% as licenzas urbanísticas concedidas respecto ao ano anterior

Mos convértese nunha localidade para vivir grazas á entrada en vigor do PXOM. O peso do número de permisos concedidos de obra maior e comunicación previa de obra menor recae na construción e acondicionamento de vivenda, respectivamente
Publicado por o día 09/01/2018 na sección de Galicia,Mos

Mos incrementou en 2017 un 14% as licenzas urbanísticas concedidas respecto ao ano anterior

A aprobación definitiva do PXOM mosense en xaneiro do pasado ano 2017, apunta ser o principal motivo do aumento nun 14% das licenzas urbanísicas concedidas durante o pasado exercizo con respecto ao ano 2016.

Con motivo do inicio do novo ano 2018, e como ven sendo habitual, o departamento técnico da concellería de Urbanismo elabora o informe anual de licenzas concedidas e expedientes tramitados durante o exercizo que se acaba de pechar. Precisamente esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Urbanismo, Julia Loureiro, fixeron públicos os datos derivados dese informe e que ofrecen un balance moi positivo respecto da actividade neste departamento que, segundo consideran as representantes municipais, “foi en gran parte grazas ao pulo que supuxo a entrada en vigor do Plan Xeral”.

En total en 2017 foron concedidas polo departamento de Urbanismo en Mos un total de 342 licenzas e comunicacións previas, 18 máis que no anterior ano 2016, que foran 324 (un incremento do 14%). A maioría destas licenzas concedidas foron decomunicación previa de obra menor, un total de 177; un tipo de licenza que tamén se incrementou respecto de 2016, ano no que se concederon 156 (21 menos).

Dentro das mencionadas licenzas de comunicación previa de obra menor destaca o crecemento das licenzas para acondicionamento de vivendas que aumentaron de 40 en 2016 a 60 en 2017 e para a canalización da instalación de gas que se quintuplicaron pasando de 3 en 2016 a 15 en 2017.

O segundo tipo de licenzas e comunicacións previas máis abundantes foron as de actividade, concedéndose un total de 86 en 2017; seguidas das licenzas de obra maior que ascenderon a un total de 61 (8 máis que en 2016, que foron 53).

Dentro destas licenzas de obra maior as máis abundantes con diferencia foron as de construción de vivenda (23 en 2017 fronte ás 14 de 2016) tan só seguidas polas de muro de contención (un total de 11 en 2017 ao igual que en 2016).

Tanto nas licenzas de obra maior coma nas de comunicación previa de obra menor o peso das mesmas recae sobre a construción de vivendas e o acondicionamento de vivendas, respectivamente, do que se conclúe que “a entrada en vigor do PXOM está animando aos particulares a establecer ou consolidar a súa residencia en Mos e que a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir”, explican Arévalo e Loureiro.

Un dato curioso é que no 2017 incrementáronse en máis do dobre o número de licenzas de taxi concedidas respecto de 2016, pasando de 4 no ano 2016 a 9 no pasado exercizo.

Ademais das 342 licenzas concedidas en 2017, o departamento municipal de Urbanismo do Concello de Mos tramitou un total de 202 outros expedientes e levou a Xunta de Goberno Local un total de 544 asuntos.