Mos inicia un plan integral de posta en valor das súas fontes e lavadoiros

Actuarase en total en 41 elementos, e ata o de agora xa se optimizaron 8 deles
Publicado por o día 16/08/2017 na sección de Galicia,Mos

Mos inicia un plan integral de posta en valor das súas fontes e lavadoiros

O Concello de Mos ven de iniciar un plan integral de posta en valor de fontes e lavadoiros. Os traballos a realizar dentro de dito plan inclúen labores de limpeza e reparación destes elementos patrimoniais tan abundantes e prezados pola veciñanza mosense.

Ata o de agora operarios municipais xa levan actuado nun total de 8 fontes que foron adecentadas nas últimas semanas. 2 destas fontes atópanse ubicadas na parroquia de Guizán e trátase da Fonte do Parque das Lagoas e da Fonte da Mela, outras 2 están en Cela e son a Fonte de Lagoa-Cabanelas e a Fonte de Balada-Sequeiros; e por outra banda 3 das fontes xa optimizadas atópanse na parroquia de Pereiras e 1 en Louredo. Estes días traballadores do Concello de Mos procederán á mellora doutra fonte máis en Torroso e a empresa concesionaria do servizo municipal de mantemento de parques e xardíns iniciará unha ronda de repaso de todas as fontes e lavadorios inventariados da localidade mosense para comprobar o estado dos mesmos, proceder á súa limpeza e/ou reparación en todos aqueles casos nos que sexa necesario.


En total actuarase en 41 fontes e lavadoiros distrubuídos polas 10 parroquias mosenses: 2 en Dornelas, 4 en Mos, 4 en Petelos, 5 en Tameiga, 2 en Guizán, 2 en Louredo, 3 en Sanguiñeda, 7 en Pereiras, 2 en Torroso e 10 en Cela.

Mos é un municipio que se caracteriza pola súa relación coa auga e o gran patrimonio relacionado co líquido elemento que alberga dentro das súas fronteiras. En total o Concello conta con preto de 150 elementos relacionados cos recursos hídricos mosenses inventariados e que se distribúen entre fontes, pontes, muíños, lavadoiros, canles, parques, pías, etc.

‘Mos espazo de augua… espazo de vida’

Todo este legado patrimonial que agora se está a poñer en valor aparece recollido no libro titulado ‘Mos espazo de augua… espazo de vida’. Dita publicación foi elaborada polos alumnos/as da especialidade de Deseño de Produtos Gráficos do Obradoiro de Emprego ‘Mos Verde’ cun inmellorable resultado. Este obradoiro rematou o pasado mes de marzo.

No libro recóllense fotografías, rutas de acceso e coordenadas xeográficas dos recursos naturais hídricos mosenses e das construcións que ao redor deles se forman.

Ao longo das máis de 100 páxinas, 118 concretamente, sucédense todo tipo de elementos relacionados coa auga entre os que se atopan muíños, fontes, pontes, etc…

Este volume constitúe unha viaxe virtual polas dez parroquias mosenses, xa que o libro clasifícase a razón dun capítulo por parroquia. En cada parroquia pódese atopar a xeolocalización e o mapa da ruta da auga mosense, ademais das fotos máis significativas de cada lugar a destacar.

Grazas a esta publicación fíxose tamén un repaso do inventario patrimonial do Concello de Mos e realizáronse novos descubrimentos e inclusións neste, que ascenderon a 41 elementos inventariados a maiores. Ata o de agora constaban no inventario 103 elementos.

En total inventariáronse e xeolocalizáronse no libro 144 elementos relacionados cos recursos hídricos mosenses: 57 muíños, 65 fontes, 8 lavadoiros, 5 pontes, 3 parques (nos que existen recursos hídricos, por suposto en Mos hai moitos máis parques), 1 muíño de man romano na parroquia de Guizán, unha canle granítica da chan de Mos e verea tradicional en Louredo, unhas pías, as Pías de San Pedro en Cela;  e outros achados.

Dos 57 muíños 7 atópanse na parroquia de Tameiga, 6 en Sanguiñeda, 5 en Petelos, 7 na parroquia de Mos, 5 en Dornelas, 8 en Cela, 3 en Torroso, 8 en Pereiras, 7 en Louredo e 1 en Guizán.

Das 65 fontes 7 atópanse na parroquia de Tameiga, 9 en Sanguiñeda, 6 en Petelos, 6 na parroquia de Mos, 8 en Dornelas, 15 en Cela, 3 en Torroso, 2 en Pereiras, 2 en Louredo, e 7 en Guizán. Destaca a enorme cantidade de fontes existentes na parroquia de Cela, que case duplica en número á seguinte parroquia en cantidade de fontes que é a de Dornelas.