Mos investirá máis de 1.700.000 euros en 4 grandes obras e na mellora de máis dunha decena de viais

O Concello aprobou en Xunta de Goberno Local a solicitude de subvención con cargo ao Plan Concellos
Por o 16/03/2018 | Sección: Galicia,Mos
Mos investirá máis de 1.700.000 euros en 4 grandes obras e na mellora de máis dunha decena de viais

O Concello de Mos tratou en Xunta de Goberno Local a solicitude de subvencións por preto de 1.800.000 euros para a acometida de 4 grandes obras e unha batería de asfaltados que mellorarán a seguridade nuns 15 viais do municipio.

Coa solicitude de axudas preténdese optar ao Plan Concellos 2018-2019. Neste sentido a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou que a administración local mosense acometerá tres grandes humanizacións, que suman un orzamento de preto dun millón de euros, nas parroquia de Cela, Tameiga-San Eleuterio e Torroso coa senda peonil para a que xa está en marcha o procedemento expropiatorio; por outra banda realizarase unha batería duns 15 asfaltados que requerirá dunha inversión duns 600.000 euros e levarase a cabo o novo Parque da Pesqueira na parroquia de Mos, para o que tamén financia unha parte a consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas da Xunta de Galicia (o importe solicitado con cargo ao plan provincial ascende a 120.000 euros).

O proxecto de humanización de Gatesende á Igrexa, constitúe unha iniciativa moi ilusionante para administración local e tamén para a veciñanza da parroquia de Cela. A obra presentada suporá a humanización da Estrada Generoso Domínguez desde la PO-331 ata a Igrexa de San Pedro de Cela. Dita obra incluirá actuacións de acometida de nova beirarrúa de 2 metros de ancho e 623 metros de lonxitude por un lado da estrada, 280 metros de muros de contención, instalación de nova iluminación led, mellora do drenaxe de pluviais (colectores), soterramento de redes de servizos de subministro de electricidade e telefonía, mellora de sinalización e seguridade vial con lombos, e paso de cebra elevado.

A inversión total que requerirá a execución deste proxecto ascende a 500.000 euros. Os obxectivos desta actuación son mellorar a mobilidade peatonal e accesibilidade, aumentar a seguridade vial e renovar a sinalización e iluminación.

Outras medidas que expón o Concello para mellorar a seguridade son o deseño de nova iluminación eficiente, a mellora da drenaxe, o soterramento das redes de servizo aéreas e a mellora da sinalización e redución da velocidade con Reductores Físicos de Velocidade. Ademais de, por suposto, execución de firmes e pavimentos.

senda Peonil de Torroso (na Estrada de Adro Vello, entre os núcleos das Pozas en Petelos e Seixabre en Torroso) requerirá dunha obra consistirá na execución dunha nova senda para peóns e ciclistas de 2 metros de ancho, cunha lonxitude aproximada de 1,4 quilómetros, entre a glorieta situada no Camiño das Pozas (Contorna do Edificio Multiusos) e o cruzamento da Estrada do Adrovello e Cesáreo Iglesias.

A nova senda estará ao mesmo nivel que o aglomerado de circulación de vehículos, para o que será necesario ampliar a plataforma viaria actual. Onde se considerou necesario, proxectáronse muros de pedra para contención da nova senda.

Os obxectivos desta senda que se acometerá na Estrada de Adrovello entre os núcleos das Pozas (Petelos) e Seixabre (Torroso) son comunicar peatonalmente ambos núcleos e mellorar a seguridade vial, xa que son moitas as persoas que diariamente realizan a pé este traxecto.

A inversión para a acometida deste proxecto ascende a 393.379,65 euros. A mellora da seguridade vial para os moitos peóns que a diario transitan pola zona é unha das principais prioridades do goberno local nesta que denominan “a lexislatura das persoas”. Grazas a esta nova senda os peóns terán un espazo delimitado e seguro por onde camiñar. Posto que se trata dun tramo que, como se dixo, reúne cada día a multitude de veciños e veciñas de tódalas idades, pero sobre todo maiores.

A obra de mellora dos accesos a San Eleuterio e Campo de Fútbol de Cototorrón inclúe a construción de beirarrúas, pavimentación, sinalización horizontal e vertical, renovación da iluminación pública e axardinamento. Estes traballos virán a complementar o novo acceso directo dende a Autovía A-55 que acometerá o Ministerio de Fomento.

Para o novo parque da Pesqueira, á beira do río Louro, foi necesaria a compra de terreos a particulares (4.000 metros cadrados) por parte do Concello de Mos para poder dispoñer do espazo necesario para a acometida de diversas áreas de xogo para distintas idades, zonas de recreo e lecer, e un Parque da Auga.

O proxecto desta área de lecer na parroquia de Mos consta de tres fases. A primeira fase, que conta co apoio económico da consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia que dirixe a conselleira Beatriz Mato, consistirá na adecuación do terreo para obter as sub-bases necesarias para garanti-la estabilidade do firme. Para o cal é necesario o desbroce e nivelación da superficie afectada (12x20m), así como o aporte de xabre compactado. Realizarase o acondicionamento da superficie amortecedora de impactos ca instalación de céspede artificial en toda a superficie. Esta primeira fase ten un orzamento de 60.000 euros.

A segunda fase, para a que o Concello de Mos solicitou subvención con cargo ao Plan Concellos, ten un orzamento de 120.000 euros e inclúe a instalación dos elementos do parque infantil, elementos biosaudables para un parque de adultos e unha plaza. Os elementos de xogo que comporán ó parque infantil deséñanse co obxectivo principal de ser unha área coa temática do esparcemento. En aras de acadar o devandito fin instalaranse diversos elementos de xogo tales como un pórtico de columpio pendular, equipo combinado de trepas e xogos de muelle para ir de pé. Tamén se contempla á hora de deseñar a área de xogos a inclusión de tódolos nenos, tendo en conta ás posible minusvalías que poidan sufrir, conseguindo deste xeito que tódolos nenos se integren totalmente no xogo e que poidan acceder facilmente ás instalacións, tanto os nenos como os pais ou acompañantes.

O proxecto íntegro, incluídas as tres fases dentro das cales se contempla a instalación dun Parque da Auga, está valorado en 200.000 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.