Mos leva aos seus colexios dous obradoiros de prevención do ciberacoso e de técnicas de estudo

Ambas iniciativas atópanse xa en marcha e estanse a beneficiar delas un total de 241 alumnos/as de 5º e 6º cursos de Educación Primaria
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Galicia,Mos

Mos leva aos seus colexios dous obradoiros de prevención do ciberacoso e de técnicas de estudo

A concellería mosense de Educación que dirixe o edil Camilo Augusto, e dentro do programa municipal de actividades nos centros escolares durante o horario lectivo, está a desenvolver nos 5 colexios de Educación Infantil e Primaria do Concello de Mos dúas iniciativas didáctico-preventivas de gran importancia. Trátanse dos obradoiros de prevención dos perigos de Internet e as redes sociais titulado ‘Que non te enrede a rede’ e de motivación e técnicas de estudo.

‘Que non te enrede a rede’, está a ser impartido nos Colexios Mestre Martínez Alonso, Pena de Francia, Petelos, Mestre Valverde Maio e Atín. O obxectivo deste obradoiro é aportar aos rapaces unha boa educación conforme a este tema para que a utilización de Internet e redes sociais se produza dunha maneira óptima por parte do conxunto da mocidade.

As redes sociais como ferramenta poden ter moitas vantaxes pero, así mesmo, poden derivar en numerosos problemas se non exercemos un bo uso sobre as mesmas.

A intención da que parte esta charla é a de explicarlle ó alumnado os diferentes perigos que se poden encontrar ó facer un mal uso das redes sociais e das TIC. Isto inclúe dende sobreexpoñer a vida persoal, pasando pola suplantación da identidade, ata compartir contido que outra persoa non autorizou de maneira clara e explícita, a falsificación de datos ou o ciberacoso.

Unha axeitada intervención, prevención e concienciación sobre o tema de maneira precoz fará que o alumnado se encamiñe cara un bo uso das redes sociais e todo o que elas implican, posto que moitas veces descoñecemos o seu poder.

Os beneficiarios desta iniciativa son os 241 escolares de 5º e 6º cursos de Primaria dos 5 centros mencionados. En cada grupo preguntouse cantos tiñan móbil e tablet e os resultados foron os seguintes: de 241 rapaces, con idades comprendidas entre de 10 e 12 anos, só 29 de eles non teñen ni móbil ni tablet e todos os que teñen móbil teñen tamén tablet.

Nos centros de Martínez Alonso e Atín é maior a proporción de escolares que teñen móbil e tablet propio comparado cos outros centros. Neses dous centros o uso das redes sociais está máis activo tendo os rapaces varias costas en diferentes plataformas.

Por outra banda a actividade de motivación e técnicas de estudo pretende promover e facilitar o éxito escolar. Está comprobado que ter unha correcta aplicación de técnicas de estudo é incluso máis importante que o nivel intelectual. Moitas veces a aplicación de uns hábitos incorrectos leva á frustración do alumnado e a un mal rendemento. Por todo isto, existen moitas razóns polas que aprender estas técnicas.

Practicar unha correcta metodoloxía de estudio es unha das chaves para conseguir o éxito no estudo de calquera materia por moi difícil que pareza. Aparte de conseguir un tempo de estudo efectivo e constante, supón sacar o maior partido ao tempo do que se dispón para rentabilizar esforzos e aumentar a seguridade do estudante.

É moi importante que o alumnado teña uns bos hábitos de estudo xa que empezan a ter máis contidos a estudar e necesitan planificar o seu tempo para render o máximo posible. As técnicas e recursos facilitan o estudo dos escolares para que o tempo que dediquen sexa de calidade e efectivo.

É a partir dos últimos cursos de Primaria e primeiros da ESO cando se recomenda o estudo paulatino das técnicas de estudo. Deste modo, o alumnado xa afianzarán estas técnicas a idades temperás e lles será moito máis fácil aplicalas nos cursos seguintes, onde o nivel de dificultade aumenta. É por elo que os beneficiarios desta actividade son os 241 escolares de 5º e 6º cursos de Primaria dos Colexios Mestre Martínez Alonso, Pena de Francia, Petelos, Mestre Valverde Maio e Atín.

Ambos obradoiros, tanto ‘Que non te enrede a rede’ como o de motivación e técnicas de estudo, son impartidos pola educadora social e pola psicopedagoga da OMIX de Mos, Miriam Otero e Alexia Cordovilla, respectivamente.

Unha vez rematadas estas sesións nos CEIPS, impartiranse no IES as mesmas charlas dirixidas ao alumnado do curso de 1º da ESO, cun total de 102 alumnos. Empezarán a finais deste mes e prolongaranse durante principios do vindeiro mes de novembro.