Mos organiza unha viaxe a San Isidro para que a mocidade mosense poida practicar deportes de inverno

O prazo de inscrición abriuse hoxe e rematará o día 26 de febreiro

A concellería de Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Julia Loureiro organiza a xa case tradicional excursión á neve para a xuventude mosense (maiores de 18 anos) que nesta ocasión realizarase á estación de San Isidro os días 2, 3 e 4 de marzo.

Para participar nesta viaxe existen catro modalidades: Modalidade A que inclúe curso de esquí, aluguer de equipos, viaxe e pensión completa cun prezo de 161 euros. Modalidade B que inclúe aluguer de equipos, viaxe e pensión completa cun prezo de 154 euros. Modalidade C que inclúe viaxe e pensión completa por 133 euros. E Modalidade D que inclúe aluguer de equipo de snowboard, viaxe e pensión completa por 185 euros.

Os/as interesados/as en participar deberán formalizar a súa inscrición do 6 de febreiro (hoxe) ó 26 de febreiro.

Teñen preferencia de participación os/as empadroados/as en Mos e a admisión será por rigorosa orde de entrada no Rexistro do Concello ata cubrir o límite de prazas (55). A lista de admitidos/as publicarase o 27 de febreiro no concello, na OMIX ou na web do Concello.

Participación Cidadá quere ofertar outro ano máis unha excursión de fin de semana á neve promovendo así posibilidades de ocio entre xoves a un prezo asequible e adaptado ós seus recursos económicos. Este ano, valorando novas opción, decidiuse levar esta actividade a outra estación que xa facía tempo que non visitábamos a estación de San Isidro (o ano pasado viaxouse a Leitariegos), ofrecendo así resposta ás peticións da mocidade mosense de cambiar de estación.

Esta concellería quere facilitar que a xuventude goce da tempada invernal, o achegamento doutros deportes que non se poden practicar no Concello de Mos e a oportunidade de vivir uns días diferentes nun entorno distinto. Con esta iniciativa preténdese achegar un ocio de calidade á mocidade de Mos, promovendo a participación da xuventude en espazos de ecoturismo.

Os obxectivos específicos desta iniciativa son, favorecer a participación dos mozos/as mosenses, coñecer un medio natural diferente, aproveitar os recursos existentes, favorecer as relacións e as actividades en grupo, promover formas de ocio alternativas e saudables, adquirir novas experiencias apropiadas a idade dos participantes.

Os destinatarios son persoas maiores de 18 anos, preferentemente empadroados en Mos. O mínimo de persoas para que se realice a excursión será de 35 e máximo de 55 persoas. No caso de quedar prazas vacantes, poderán asistir maiores de 35 ou que non figuren empadroados en Mos.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM