Mos pon en valor a importancia da muller na súa sociedade coa iniciativa ‘SoMos Mulleres, SoMos Libres’

A Secretaria Xeral da Igualdade, a alcaldesa de Mos e as concelleiras mosenses de Política Social e Participación Cidadá anunciaron hoxe que 400 mulleres participarán na xuntanza en Cíes programada para o 15 de setembro
Por o 12/09/2018 | Sección: Galicia,Mos
Mos pon en valor a importancia da muller na súa sociedade coa iniciativa ‘SoMos Mulleres, SoMos Libres’

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro e a edil de Participación Cidadá, Julia Loureiro, anunciaron hoxe xunto coa Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, que 400 mulleres participarán con elas na xuntanza en Cíes programada para o 15 de setembro organizada baixo o título ‘SoMos Mulleres, SoMos Libres’ para poñer en valor a importancia da muller na sociedade mosense.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre a Xunta e o goberno local en materia de igualdade e violencia de xénero e ten como obxectivo a prevención e erradicación da violencia de xénero na localidade, así como a posta en valor da importancia do papel da muller na sociedade mosense. Toda a xuntanza –desprazamentos en barco e autobús e actividades a desenvolver ao longo do día nas Illas- é gratuíta para as participantes.

As 400 mulleres participantes serán recollidas polos autobuses ás 08.45 horas no Multiusos das Pozas para coller o barco no porto de Vigo ás 10.15 horas. Unha vez en Cíes, as participantes realizarán unha ruta de sendeirismo para coñecer o parque natural das Illas e á metade da xornada en Cíes celebrarase un xantar campestre para o que as participantes levarán a súa comida, xa que a idea é compartir entre todas. Tamén haberá opción de menú nun restaurante.

Tras o xantar levarase a cabo unha actividade de ocio que terá como obxectivo a prevención e erradicación da violencia de xénero, así como a posta en valor da importancia do papel da muller. A saída do barco de regreso realizarase ás 19.00 horas.

A Secretaria Xeral, Susana López Abella, destacou “a importancia de traballar pola promoción da igualdade con iniciativas coma esta. De feito, moitos son os froitos que socialmente dan accións deste tipo”. Abella salientou tamén “o peso do movemento asociativo feminino e a súa capacidade para poñer de relevo o patrimonio cultural e a capacidade e o saber facer das mulleres galegas”. Das mulleres mosenses, entre as que incluiu ás representantes municipais Arévalo, Cebreiro e Loureiro como é lóxico, López Abella declarou que “son mulleres dinámicas, activas, que apostan pola formación, pola información, polo emprendemento, a conciliación, que se poñen novos retos e por suposto se implican na eliminación das discriminacións e en mellorar a situación das mulleres. Mulleres seguras de sí mesmas na toma de decisións, que dan pulo á dinamización económica, social e cultural do Concello de Mos e loitan pola igualdade de oportunidades. Dende o goberno galego apoiamos esta xuntanza para poñer en valor todo este potencial feminino e será unha verdadeira honra compartir con elas a xornada do vindeiro sábado”.

Pola súa banda a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou que “o de Mos é un Concello con numerosas políticas e medidas en materia de igualdade, accións que se incrementan progresivamente con iniciativas coma esta, do que dende a administración local sentímonos moi orgullosos”.

Entre outras moitas, destacan no Concello de Mos as seguintes liñas de actuación en materia de igualdade: a posta en marcha do CIM (Centro de Información á Muller) o pasado verán, a constitución dunha Comisión Municipal de Igualdade, creada con motivo do pasado Día Internacional contra a Violencia de Xénero celebrado o 25 de novembro e integrada por representantes de todas as asociacións mosenses, a Mesa Local contra a Violencia de Xénero que se celebra cada seis meses no Concello de Mos, o Grupo Municipal de Teatro ‘Mulleres na Igualdade’ que actúa en localidades de toda a provincia, organización de actividades concienciadoras en materia de igualdade nos centros educativos dirixidas tanto ao alumnado de Educación Primaria como aos mozos e mozas do Instituto (ESO e Bacharelato), realización de programas de apoio á concienciación da vida familiar e laboral, inclusión na Rede de Entidades Locais en contra da Violencia de Xénero e formalización dun convenio coa Xunta de Galicia, asinado o ano pasado sobre prevención da violencia de xénero no ámbito laboral.

“Perséguese polo tanto, con todas as acción que emprendemos en materia de igualdade, entre as que se atopa esta xuntanza en Cíes, o obxectivo dunha maior prestación de servizos encamiñados a promover e executar actuacións para facer efectivo o dereito a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, así como mellorar os servizos de atención persoal e asesoramento ás mulleres que o necesiten e coordinar as actividades municipais coas distintas administracións públicas que ostentan competencias na materia” explica Arévalo, rexedora local mosense.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.