Mos pon en marcha unha campaña de concienciación sobre as colonias de gatos abandoados

Incide na esterilización como clave e solicita a solidariedade cidadá mediante a doazón de alimento ou calquera outro produto para o seu coidado
Publicado por o día 12/03/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

Mos pon en marcha unha campaña de concienciación sobre as colonias de gatos abandoados

Dende a concellería de Medio Ambiente que dirixe a edil Julia Loureiro, e en colaboración coas protectoras Lena, Refugio de Noé e Colonias Canguesas, e outros particulares voluntarios, púxose en marcha unha campaña de control de colonias de gatos sen dono na rúa baixo o lema ‘Ti decides, esteriliza’.

Os obxectivos desta campaña son a recollida de alimentos e produtos de coidado, a esterilización, adopción e acollida temporal dos gatos das colonias existentes en Mos.

A iniciativa incluirá tamén unha parte de sensibilización que se iniciará próximamente mediante o reparto de dípticos informativos nos colexios mosenses, establecementos e lugares de gran afluencia de persoas. A parte de sensibilización contempla a instalación de puntos de recollida de alimentos ou calquera outro produto para o coidado dos felinos (tales coma pipetas, etc.) en supermercados, centros veterinarios, etc. para que os particulares interesados en facer doazóns poidan realizalas con comodidade.

A concelleira Loureiro explicou que “esta campaña consiste fundamentalmente en tratar de concienciar á cidadanía sobre as colonias de gatos abandoados e da necesidade de esterilizalos e alimentalos para que vivan nunhas condicións óptimas e salubres e para ter as colonias controladas, sen que aumente o número de membros nin se formen outras novas”.

Todo isto implica uns gastos que son financiados parcialmente polo Concello de Mos, mentres que a parte do alimento espera cubrirse mediante as doazóns. Tamén se intenta captar a voluntarios que colaboren en adopcións e/ou axuden a fomentalas en aras de que as colonias se vaian reducindo. Outra posibilidade son as casas de acollida, isto é, persoas interesadas en coidar aos gatos mentres non son adoptados definitivamente.

Loureiro destacou que a idea desta iniciativa xurdiu dun grupo de voluntarios de Mos e arredores, algún deles pertencentes a algunhas das protectoras anteriormente mencionadas.

A campaña de esterilización xa foi iniciada por parte do Concello nunha colonia de gatos existente en Petelos. De dita colonia, formada por un total de 15 membros, esterilizáronse esta semana 5, e continuarase con este traballo ata completalo. Para elo a concellería de Medio Ambiente xa proporcionou dúas xaulas e un transportín para os gatos e asume os gastos veterinarios de esterilización. A concelleira avanzou, por último, que a través da páxina web municipal e do Facebook difundiranse os teléfonos de contacto para que os interesados en colaborar e/ou solicitar máis información sobre esta campaña poidan facelo.