Mos prepara os colexios para o vindeiro curso escolar

A alcadesa, Nidia Arévalo, visitou hoxe o CEIP Mestre Martínez Alonso onde, entre outras actuacións, construirase unha rampa na zona da grada co obxecto de eliminar barreiras arquitectónicas mellorando a accesibilidade
Publicado por o día 29/07/2020 na sección de Galicia,Mos

Mos prepara os colexios para o vindeiro curso escolar

Os 5 colexios públicos do Concello de Mos, CEIP Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos), CEIP Mestre Valverde Mayo (Sanguiñeda), Atín-Cela, Pena de Francia e Petelos, están a ser obxecto de traballos de mantemento e mellora de cara á reapertura dos centros educativos en setembro con motivo do inicio do novo curso escolar.

Precisamente esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitaba as instalacións do Mestre Martínez Alonso, acompañada do arquitecto e da aparelladora municipais, para supervisar in situ as necesidades do centro. Entre as melloras que se acometerán no colexio de Castro Mos atópase unha actuación de optimización da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas coa construción dunha rampa habilitada para cadeiras de rodas na zona da grada da pista de xogos do patio de recreo.

Todas estas actuacións nos centros educativos mosenses de Educación Infantil e Primaria son acometidas por operarios municipais. Nos cinco colexios realízanse labores de desbroce exterior, limpeza exterior e interior, e traballos de mantemento.

Así mesmo, lévanse a cabo accións específicas en cada centro, fundamentalmente orientadas, a maioría delas, á adaptación á nova normalidade educativa derivada da COVID-19. Por exemplo no Colexio de Atín estase a habilitar unha zona de parque para que os cativos poidan saír ao recreo por separado, no interior do edificio estase obrando para comunicar dúas aulas contiguas a través dunha ventana, habilítase tamén a Biblioteca como un aula máis para impartir clase, e arránxase a pista deportiva.

Pola súa banda no CEIP Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda acometerase unha pequena reforma interior que permitirá habilitar novos espazos de uso.

Tras a visita realizada hoxe xunto con técnicos municipais a rexedora local mosense declarou a este respecto que “un verán máis, desde o Concello de Mos e en coordinación coa consellería de Educación, estamos volcados na posta a punto dos colexios mosenses para o inicio do novo curso escolar; e neste caso concreto con máis dedicación, esforzo e esmero que nunca, dadas as excepcionais circunstancias derivadas da crise sanitaria da COVID-19. Estamos volcados por elo coa comunidade educativa e cos escolares mosenses, conscientes de que son o futuro do noso municipio polo que é fundamental e imprescindible garantirlles unha formación de calidade con todas as garantías sanitarias, tendo en conta os complicados tempos que corren”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.