Mos presenta a súa programación cultural con motivo das Letras Galegas

Música, teatro, monólogos e obradoiros integran un programa completo e para tódolos públicos
Por o 16/05/2017 | Sección: Cultura,Eventos,Galicia,Mos,Vigo
Mos presenta a súa programación cultural con motivo das Letras Galegas

O Concello de Mos anunciou onte a programación municipal organizada con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, informaron de que o mércores 17 de maio, o propio Día das Letras, celebrarase un acto homenaxe a Carlos Casares ás 11:30 horas no auditorio do Centro Dotacional de Torroso. Na devandita homenaxe actuarán os grupos de música e danza tradicionais do Círculo Cultural de Torroso e do Círculo Cultural Santa Eulalia de Mos.

Tamén o día 17 haberá un concerto para público familiar a cargo de Uxía Lambona e A Banda Molona. Será ás 18:00 horas da tarde na Carballeira de Santiaguiño, en Guizán (e en caso de mal tempo trasladarase ao Multiusos das Pozas). Uxía Lambona e A Banda Molona nace como un proxecto lúdico, musical e educativo, que pretende sobre todo divertir aos nenos/as, achegándolles os temas tradicionais galegos dunha forma nova e atractiva, utilizando para iso novos estilos musicais (ska, rock, hip-hop…) para que así coñezan e manteñan a música tradicional popular. No concerto do día 17 de maio no Santiaguiño, a través dunha interacción constante cos nenos, tratarase de facer estes temas máis divertidos para os cativos e que pasen a formar parte da súa memoria.

O venres 19 de maio chegará a Mos o espectáculo teatral Memorias dun neno labrego a cargo de Cándido Pazó. Trátase dunha obra dirixida a maiores de 16 anos que dará comezo ás 22:00 horas no Multiusos das Pozas.

O sábado 20 de maio os cativos poderán gozar do obradoiro infantil de manualidades A Rosa do Camiño, que se impartirá no Albergue de Peregrinos da Veigadaña en horario de 10:00 horas a 13:00 horas. Os pequenos participantes, que deberán ter idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos, poderán coñecer as instalacións do albergue e realizar actividades de pintura en tea, decoración de cunchas de peregrino, etc.  A participación require de inscrición previa na Biblioteca Municipal, que se pode realizar tanto presencialmente como no teléfono 986338080.

Por último a celebración das Letras Galegas en Mos pecharase o sábado 27 de maio co Monólogo Daboapipa, Historias de Vida, Guerra, Amor e Case Morte. Terá lugar no salón de actos do Pazo de Mos e dará comezo ás 22.00 horas.

Todas estas actividades son completamente gratuítas para os/as asistentes e participantes. As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declararon esta mañá sentirse “moi orgullosas da programación confeccionada con motivo das Letras Galegas”. Programación que calificaron como “de altísima calidade cultural, digna de unha data tan emblemática para os galegos e galegas como é o 17 de maio”.

Rexedora local e edil de Cultura destacaron por último o gran interese municipal por preservar as tradicións e a lingua galegas e manifestaron o seu desexo de que “programas coma este, que elaboramos con todo o cariño, contribúan eficazmente ao mantemento da nosa cultura”.

Por outra banda, dende a concellería de Educación que dirixe a edil Kely Monzón estase impartir nos colexios con motivo das Letras Galegas, o obradoiro musical Toca ti, de música e instrumentos tradicionais, dirixido aos nenos e nenas de segundo e terceiro cursos de Primaria. E para os alumnos de terceiro da ESO do Instituto o día 19 de maio representarase Memorias dun nenos labrego.