Mos proxecta unha mellora integral do seu tramo do Camiño de Santiago Portugués

Os integrantes da Mesa do Camiño xa realizaron dúas andainas durante as que detectaron as necesidades e deseñaron un plan de actuación baseado na optimización da seguridade, a sinalización, a limpeza e o embelecemento do percorrido
Publicado por o día 23/03/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

Mos proxecta unha mellora integral do seu tramo do Camiño de Santiago Portugués

Os integrantes da Mesa do Camiño do Concello de Mos realizaron dúas xornadas de andaina polo tramo do Camiño de Santiago Portugués ao seu paso pola localidade mosense co obxectivo de detectar as necesidades do percorrido e proxectar as melloras que van ser acometidas no mesmo.

Nas devanditas andainas participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, un técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, un representante da agrupación Amigos do Camiño, representantes das asociacións das parroquias polas que pasa o Camiño, hosteleiros do contorno do Pazo de Mos e representantes das empresas concesionarias dos servizos municipais de limpeza e recollida de lixo, e mantemento de zonas verdes e parques e xardíns.

Tras estas dúas saídas establecéronse as principais melloras a acometer no tramo do Camiño que pasa por Mos e que son relativas á seguridade, sinalización, limpeza, melloras estéticas e de embelecemento etc.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, informaron a este respecto de que as optimizacións proxectadas para o traxecto mosense do Camiño de Santiago son a sinalización direccional para que os peregrinos non se perdan nin se desvíen da ruta, sinalización vial luminosa advertindo do paso de peregrinos para incrementar a seguridade peonil, para o que se instalarán tamén varios pasos de peóns novos; e estudio dunha posible nova ubicación máis visible e accesible da caseta da Oficina de Turismo que actualmente se atopa situada nas Angustias, parroquia de Sanguiñeda.

O motivo da realización a pé durante dúas xornadas do Camiño ao seu paso por Mos foi o de comprobar de primeira man as necesidades específicas de cada punto concreto, sobre todo no caso dos cruces e interseccións que son as zonas máis complicadas.

Nestas andainas detectáronse tamén varios muíños e fontes que precisan de actuacións e para os que o Concello ten proxectados traballos de mantemento e recuperación. Ademais estase a estudiar a posibilidade de habilitar e acondicionar sendas zonas de descanso e lecer dotadas de merendeiros en Veigadaña e Amierolongo.

“O obxectivo principal de todas estas actuacións é que o peregrino saiba cando entra e cando sale de Mos e que durante o tramo mosense se sinta o máis a gusto e o máis cómodo posible; e, por suposto, sen sufrir ningún tipo de incidente”, declararon a rexedora local e a edil de Cultura.

Outra das accións a realizar será a instalación de papeleiras de reciclaxe en puntos clave do Camiño ao seu paso por Mos, tales coma o Pazo, as asociacións e os albergues. Por último acordouse que a empresa encargada da recollida de lixo e o servizo de limpeza do Concello de Mos intensificará os labores para manter limpas as cunetas e as beirarrúas, e todo o Camiño mosense en xeral; e pola súa banda, a empresa que realiza o mantemento de zonas verdes realizará un proxecto de embelecemento dos puntos estratéxicos do Camiño ao seu paso por Mos mediante a prantación de flores, árbores e prantas de temporada.

“Mos, a Rosa do Camiño”

E facendo honor ao lema da Mesa do Camiño do Concello de Mos, “Mos, A Rosa do Camiño”, a administración local repartirá rosais para que os propietarios das casas que se atopan á beira do Camiño de Santiago os pranten para embelecer e adornar os peches das súas propiedades, e que os peregrinos poidan gozar da contemplación destas fermosas flores, símbolo do Concello de Mos e do seu escudo, ao seu paso polo municipio.

Próxima convocatoria da Mesa

Nidia Arévalo e Sara Cebreiro remataron a segunda das andainas convocando a próxima reunión da Mesa do Camiño do Concello de Mos que se celebrará o vindeiro 28 de marzo e terá como tema central da orde do día a presentación da programación cultural anual ó longo do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos.