Mos reclama que sexa a Xunta quen centralice os trámites administrativos do Plan de Rescate xa que os concellos non dispoñen de medios

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, explica que debe ser a administración autonómica quen os asuma por ser a que aporta máis fondos e dispón de máis medios para resolver con rapidez
Publicado por o día 29/01/2021 na sección de Galicia,Mos

Mos reclama que sexa a Xunta quen centralice os trámites administrativos do Plan de Rescate xa que os concellos non dispoñen de medios

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, remitiulle esta mañá unha carta á presidenta da Deputación de Pontevedra na que insta á administración provincial a que teña a ben aceptar que sexa a Xunta de Galicia a que centralice os trámites de xestión das axudas do segundo Plan de Rescate á hostalería da Xunta de Galicia porque é “a entidade a quen lle corresponde facelo, por ser quen está a salvar á hostalería, quen aporta de lonxe a maior porcentaxe de fondos do plan e quen dispón de máis medios para axilizar a tramitación e concesión das axudas”.

Solicita deste xeito Arévalo á Deputación que desfeite a súa postura de que os fondos sexan xestionados polos concellos, xa que o único que se conseguiría con iso sería demorar a chegada das axudas aos beneficiarios, porque a administración local mosense e os concellos en xeral xa se atopan colapsados administrativamente no que a tramitacións se refire, por ser a administración máis próxima ao cidadán.

“No caso de Mos, esta administración local non dispón de medios para asumir máis xestións nin tramitacións deste calibre, xa temos os servizos municipais en xeral, e os Servizos Sociais en particular colapsados tramitando diferentes axudas e subvencións locais e supramunicipais para os veciños e veciñas mosenses; e non temos capacidade para asumir máis trámites”, explicou a rexedora local mosense, solicitando á Deputación que recapacite e comprenda que esta tarefa é á Xunta de Galicia a quen lle corresponde, por ser a administración que dispón de máis medios, en aras de non colapsar os servizos municipais.

É por iso que Arévalo pídelle que recapaciten ás deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, que teñen previsto levar este venres á reunión coa Xunta de Galicia, a Fegamp e as representacións do Turismo e da Hostalería, unha proposta sobre o Plan de Rescate para que a  tramitación das axudas corra a cargo dos concellos galegos; e que entendan que isto non pode ser así, que é unha proposta inviable.

As deputacións sinalan que é irrenunciable que a xestión dos fondos a fagan os concellos galegos, que as axudas as teñen que xestionar desde as administracións locais, ao que a a alcaldesa Arévalo pídelles que recapaciten e rectifiquen.